Circular-EconomyComo ao final de cada lexislatura, as principais organizacións ambientais realizamos un balance do que esta supuxo para o avance nas políticas que afectan á protección da biodiversidade, o clima ou a calidade de vida dos cidadáns.

As organizacións ecoloxistas consideran que durante a lexislatura que xa termina producíronse importantes retrocesos en materia ambiental e perdeuse a oportunidade para implantar unha xestión sustentable dos recursos, impulsar as enerxías renovables e avanzar en patróns de produción e consumo responsables que favorezan o emprego verde e de calidade.

A lexislatura estivo marcada por unha fonda crise financeira,económica, social e sobre todo ambiental, debido ao impacto crecente do cambio climático e a un déficit ecolóxico cada vez máis grave e evidente. Con todo as políticas do Goberno non contribuíron a solucionar estes grandes retos ambientais.

Para nós, Amigos da Terra, xunto as organizaicóns ecoloxistas de caracter estatal Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF, coidamos que durante estes catro anos non se aproveitou a oportunidade de reorientar o modelo produtivo cara á sustentabilidade nin se aprobaron medidas reais e eficaces que deteñan o esgotamento dos recursos naturais ocasionado polo seu continuo expolio, a perda acelerada da  biodiversidade, o quecemento global, a contaminación da auga, o chan ou o aire.

Entre os principais retrocesos en materia ambiental destaca como máis emblemática e grave a reforma da Lei de Costas, pero tamén o parón ao desenvolvemento das enerxías renovables, o impulso ás prospeccións petrolíferas en alta mar, unha reforma enerxética que afianza o oligopolio e o control das grandes empresas eléctricas, xunto ao escaso avance en calidade do aire ou no control de sustancias tóxicas. 

Tamén son reseñables a falta de financiamento da Rede Natura 2000, a consolidación dun modelo agrícola intensivo e daniño para a biodiversidade e o medio ambiente, unha planificación hidrológica que mantén a sobreexplotación da auga, a falta dunha auténtica fiscalidade ambiental, a redución drástica da axuda oficial ao desenvolvemento, as trabas para o acceso á xustiza ou as medidas aprobadas para limitar e reprimir as protestas cidadás.

Entre os avances en materia ambiental destacan os pasos dados na protección do medio mariño mediante a creación de novas áreas LIC e ZEPA, o desenvolvemento das estratexias mariñas, as medidas adoptadas para loitar contra a pesca ilegal (IUU), o cumprimento dos prazos da planificación hidrológica e o comezo da reorientación dos fondos da auga cara á depuración, así como a reforma do canon hidroeléctrico.

As organizacións ecoloxistas recoñecemos o diálogo regular mantido co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente durante toda a lexislatura, pero lamentan que a maioría absoluta no Parlamento do Goberno do Partido Popular teña permitido sacar adiante a maior parte das reformas lexislativas sen o consenso social e político desexable.