plantacion arnuide 019
Este sábado 23 de xaneiro, Amigos da Terra, en colaboración co Grupo Scout ILEX 959, de ASDE – Scouts de Galicia, imos desenvolver unha pequena actividade de repoboación forestal nos montes do Palmés, que foron víctima este ano dun incendio que consumiu máis de 200 hectáreas nesta zona rural do Concello de Ourense. 


Na actividade participarán unha veintena de scouts, de entre 8 e 13 anos xunto aos seus monitores/as xunto a varios voluntarios/as e activistas de Amigos da Terra. A actividade está aberta á participación doutras persoas, e para apuntarse poden enviar un correo a info@amigosdaterra.net ou chamar ao 988 374 318.

Prantaremos preto de medio centenar de árbores novas e tamén sementaremos varios centos de sementes para que cando gromen contribuirán á rexeneración deste espazo. Tamén acometeremos pequenas intervencións para evitar a erosión e perda de solo fertil.

 

plantaciónforestalxaneiro2016

Durante toda a xornada, estaremos acompañados e guiados por Xosé Santos, socio de Amigos da Terra, cunha dilatada traxectoria como activista ambiental, e tamén axente forestal en activo. Dase a circunstancia ademais de que foi el o responsable da coordinación do dispositivo da Consellería de Medio Rural activado para combater o lume que atacou estes montes este mesmo verán. Deste xeito poderá tamén aportar moita información de como foron os duros traballos de extinción, ademáis de por en valor e visibilizar o importantísimo labor dos traballadores forestais no coidado e defensa dos nosos montes.

As intervencións darán comezo a partir das 12:15h, aproximadamente, nos terreos da Comunidade de montes Naves, que apoia estes labores, ata as 14:00, momento no que comezaremos unha pequena ruta interpretativa ata Outariz, pasando ao lado do Mosterio de Santa Comba de Naves (onde pararemos a xantar) e As Conchadas. Neste percorrido as persoas participantes terán a oportunidade de apreciar diferentes elementos de valor patrimonial, tanto histórico artísticos como naturais, ademáis dunhas vistas e paisaxes moi especiais. Esta previsto rematar a actividade sobre as 18:00h.