IMG-20160122-WA0004
Amigos da Terra
denuncia a corta polo pé de seis plataneiros de sombra “Platanus hybrida” de grandes dimensións, con ata 1 metro de diámetro, que estaban nos laterais da comarcal 523, que entra no tramo urbán de Ourense pola avenida de Bos Aires, á altura da Rabaza.

Agás unha das árbores, que si tiña elementos con pudrición, os restantes exemplares estaban perfectamente sans e non supuñan nengún problema de seguridade para o trafico nin para os viandantes, carecendo a súa eliminación de todo sentido, supoñendo un gasto público e unha perda de valor natural totalmente innecesaria.

Resulta paradóxico que tan lamentable actuación esté promovida precisamente pola Consellería de Medio Ambiente, da Xunta de Galicia, executada pola UTE Misturas – Extraco, unha administración que na vez de velar por facilitar á cidadanía un entorno máis natural e agradable, a súa acción neste caso causa unha degradación do mesmo.

IMG-20160122-WA0002

Este é un caso máis na cidade de Ourense da cruzada contra o patrimonio arbóreo sen xustificación, sen sensibilidade, que pon de manifesto a falla de criterio e de políticas ambientais que fomenten a sustentabilidade e a conservación do pouco patrimonio natural con que conta a cidade.

As cidades deben de fomentan á sustentabilidade dos seus recursos naturais co desenvolvemento económico. Unha das súas primeiras actuacións consiste en catalogar o seu patrimonio arbóreo, facer un seguimento do estado de saúde das árbores, coidar e realizar tratamentos axeitados para curar as árbores que poidan estar enfermas, actuacións que se complementan con campañas de sensibilización/educación cara a poboación.

Dende Amigos da Terra reiteramos que xa son horas de que o Concello de Ourense cree o Consello de Medio Ambiente e que se catalogue o patrimonio arbóreo con que conta a cidade. Esiximos que as administracións públicas antes de destruír as árbores que son patrimonio da cidade busquen o asesoramento necesario.