O vindeiro luns 10 de outubro, O Concello de Vilaboa e Amigos da Terra realizarán unha limpeza nas Salinas de Vilaboa, como primeira acción da recén estreada campaña #DoyLaLata.

Amigos da Terra lanza esta campaña co fin de mostrar un dos problemas máis habituais na xestión de residuos. Ao longo destas semanas, os grupos locais da organización están a realizar recollidas para visibilizar o abandono de residuos. A campaña tamén terá eco nas redes sociais a través dunha foto-acción, na que convidan á cidadanía a participar para visibilizar este problema en diferentes zonas da nosa xeografía.

A xeración inxente de residuos e o seu tratamento posterior é unha das problemáticas comúns en todos os municipios españois. O 67% de todos os residuos municipais van parar aos 149 vertedoiros ou ás 10 incineradoras repartidos polo Estado. Atopar solucións eficaces para cada tipo de residuo é un dos retos pendentes das comunidades autónomas.

As recollidas de residuos reivindicativas organizadas por Amigos da Terra ata a data, puxeron de relevo que máis da metade dos residuos abandonados en rúas e espazos naturais son latas e botellas. Por este motivo, a asociación ecoloxista centra a súa campaña de residuos precisamente nestes envases de bebidas.

O Grupo de Galicia, arranca a acción xunto co Concello de Vilaboa, realizando esta recollida na Salinas, un espazo natural con gran valor ecolóxico que se está vendo afectado pola acción humana. Un grupo de persoas voluntarias do Concello e a organización ecoloxista, xunto con 60 estudiantes do Colexio O Toural, limparán este luns ás 16h as Salinas de Vilaboa.

Seguiranlle os grupos de Ibiza, Mallorca, Madrid, Andalucía e La Rioja.

Amigos da Terra leva anos apoiando medidas eficaces para mellorar a xestión de residuos. Para dar a coñecer a problemática e a súa solución e facer partícipe á cidadanía das mesmas, a organización decidiu lanzar unha foto-acción, baixo o hashtag #DoylaLata, que contribúa a reclamar medidas eficaces para un problema común a toda cidadanía. “Doylalata” é unha chamada á acción colectiva para reivindicar unha solución eficaz como o sistema de retorno de envases.