Amigos da Terra insta o Goberno a reverter a situación, acabar cos subsidios aos combustibles fósiles e poñer fin á mala xestión ambiental dos residuos. España fracasa principalmente en políticas de fiscalidade ambiental, xestión de residuos e de auga, ao mesmo tempo que subvenciona os combustibles fósiles con cantidades económicas elevadas. Amigos da Terra leva tempo denunciando esta situación e espera que este toque de atención sirva para que o Goberno cambie de actitude.

 

A Comisión Europea publicou un informe esta semana no que analiza a situación ambiental de cada Estado Membro, os retos aos que se enfronta e unha serie de accións conxuntas e unilaterais para mellorar a xestión ambiental. O informe redactado pola Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea é produto do mecanismo de revisión, enmarcado na política ambiental que se iniciou en maio do ano pasado.

 

As enerxías sucias, un alicerce da mala xestión ambiental

En palabras de Héctor de Prado, responsable de Clima e Enerxía de Amigos da Terra, “a nivel europeo, hai anos que se desenvolven políticas ambientais efectivas, acompañadas de fondos. Isto permite aos Estados Membro implementar as medidas adecuadas”. O técnico sinala que “non dispoñer aínda dun plan de transición que termine cos subsidios ao carbón e que teña en conta o futuro dos profesionais do sector non é de recibo. E o peor é que se segue importando e queimando carbón foráneo o que fai aumentar as nosas emisións de gases nocivos á atmosfera”

 

Neste sentido, e para darlle unha maior visibilidade á mala praxe estatal co uso e abuso de combustibles fósiles, expómonos nomear ao Estado Español aos Premios “Denuncia” Europeos sobre subsidios aos combustibles fósiles que levará a cabo ao longo do mes de abril. Esta iniciativa está organizada por Climate Action Network (CAN) Europa en colaboración con Amigos da Terra e WWF, entre outros, e teñen por finalidade poñer en evidencia ás compañías ou os países que se gaban de loitar contra o cambio climático á vez que outorgan axudas aos combustibles fósiles.

A outra pata analizada nesta avaliación da Comisión Europea, tamén moi criticada por Amigos da Terra, refírese á xestión de residuos. Segundo a CE, para cambiar as porcentaxes de reciclaxe, e alcanzar o 50% requirido pola Directiva de Residuos para 2020, é necesario facer un cambio sistemático do modelo, tal e como vén reclamando desde hai décadas Amigos da Terra.

Moito por corrixir na mala xestión ambiental dos residuos

Segundo Alodia Pérez Muñoz, a nosa responsable da área de residuos, o Estado Español ten nas súas mans poñer en marcha accións como a separación dos residuos orgánicos para facer compostaxe de calidade, a implantación de sistemas de retorno de envases ao comercio, así como a modificación da fiscalidade, con modelos de “Pago por xeración de residuos” a nivel municipal en vertedoiro e incineradora, e taxas que desincentiven, por exemplo para as bolsas de plástico.

Desta maneira a carga fiscal sería máis xusta para a cidadanía, xa que a xestión de residuos non recaería principalmente nos particulares, obtería mellores resultados ambientais, e xeraría máis postos de traballo, tal e como sinala a Comisión Europea.

Amigos da Terra reclama ao Estado Español que se tome en serio os toques de atención de Europa, aínda máis cando coinciden cos das súas entidades sociais e ambientais, e que cambie dunha vez por todas o seu modelo de xestión e financiamento ambiental.