O mundo rural volve mobilizarse. Unhas 350 persoas procedentes de 14 comunidades autónomas do Estado español e de diferentes organizacións compartimos este espazo.

Este documento recolle os anhelos de todas as persoas que fixeron un importante esforzo para que Plataforma Rural siga adiante na loita por UN MUNDO RURAL VIVO, pois sabemos que loitar non nos garante o éxito, pero non loitar garántenos o fracaso. Ben o saben as persoas ás que rendemos homenaxe neste Foro: Esperanza, Quico, Berta, Máxima, Jeromo, Cristina, Diamantino e centos de mulleres anónimas que loitaron polos nosos dereitos, liberdades ou pola nosa unión para remar xuntas nunha mesma dirección.

Reunidas na Venda de Contreras, Minglanilla, todas as organizacións pertencentes á Plataforma Rural e compañeiras da Vía Campesiña, acordamos este

Manifesto

Queremos que a sociedade nos mire, non só que nos vexa, senón que nos mire de ti a ti, que se nos dea a importancia que nunca debemos perder. A cidade necesítanos, os nosos campos producen os alimentos, as nosas xentes gardan a terra, as paisaxes e a saúde do planeta. Pero o modelo que nos queren impor esquécese das persoas e da sustentabilidade do territorio, e pretende quitarnos o control das nosas sementes, desmantelar os servizos públicos sanitarios, educativos e illarnos máis aínda, sen redes de transporte e información.

Plataforma Rural defende un cambio que pasa pola soberanía alimentaria e enerxética, un uso campesiño e social da terra e un uso racional de recursos como a auga. Plataforma Rural apoia a loita contra os transxénicos e os mercados globais, e sitúase a favor dos mercados locais, o turismo sustentable, a conciliación familiar auténtica, cunha verdadeira perspectiva de xénero e uns servizos básicos de calidade. Todo isto pódese conseguir cunhas políticas públicas adecuadas.

Queremos que este manifesto non sexa un conxunto de palabras tristes nin de queixas, senón todo o contrario, que sexa de propostas alternativas reais, de construción de redes, de estratexias concretas de sensibilización e, por suposto, de esperanza.

 

As persoas e organizacións aquí reunidas COMPROMETÉMONOS a:

    • Loitar por un municipalismo transformador que permita a autoxestión dos nosos recursos.
    • Non podemos permitir a criminalización de quen favorecen este modelo de xestión que pon ás persoas no centro, como o caso do noso compañeiro Alberto Cañedo, de Carcaboso.
    • Non podemos permitir macroexplotacións gandeiras como a de Noviercas en Soria.
    • Loitar por mellorar a relación mundo rural – mundo urbano.
    • Loitar pola defensa dos servizos públicos e de calidade no medio rural.
    • Loitar contra o despoboamento a través de iniciativas locais e de incorporación de mozas ao campo e aos pobos, con novas actividades económicas expostas desde a economía social e solidaria.
    • Loitar contra calquera tipo de acordo de libre comercio (TTIP, CETA…).
    • Loitar pola defensa dos Dereitos Campesiños.
    • Loitar por fortalecer as alianzas de Plataforma Rural en defensa da soberanía alimentaria, da soberanía enerxética e o municipalismo transformador.
    • Loitar por reformar políticas públicas como a PAC para que favorezan a agroecoloxía como modelo de produción.
    • Loitar contra a implantación dos transxénicos en calquera punto do territorio do Estado español.

Traballaremos todas as nosas loitas desde a educación, a sensibilización e os valores campesiños sociais e solidarios e, por suposto, desde unha perspectiva feminista. Como dixo unha compañeira: «A soberanía alimentaria será feminista, ou non será».

Até o próximo Foro temos por diante dous anos de arduo traballo nos que nos comprometemos a dignificar a vida no medio rural.

VIVIR NUN POBO MERECE A PENA!

Globalicemos a loita, globalicemos a esperanza!!!