A fracción orgánica dos residuos, é dicir todos os residuos orgánicos, peladuras, restos de comida ou restos de plantas, supón case a metade da nosa bolsa de lixo, un 42% para ser máis exactos segundo a caracterización realizada polo Ministerio de medio ambiente.

A recollida actual dos residuos orgánicos sen unha separación previa, en gran parte do país, imposibilita a súa reciclaxe, que neste caso realizaríase mediante a compostaxe. Tal e como se recolle agora, a materia orgánica misturase con outros residuos e, a pesar, de aplicar diferentes tratamentos, o produto resultante non serve, xa que non ten a calidade suficiente para destinarse a chans agrícolas ou forestais e, por tanto, os agricultores e agricultoras non o mercan. Por este motivo necesitamos sistemas que acaden unha compostaxe de calidade, para que se utilice realmente e non quede abandonado nas plantas ou eliminado en vertedoiro ou incineradora, como unha medida de boas palabras, pero sen aplicación práctica.

A Directiva europea Marco de residuos esixe a todos os estados da UE que en 2020 reciclen o 50% dos residuos que xeren. Polo que é inevitable avanzar cara a unha recollida en orixe dos residuos orgánicos, elaborar un compost de calidade e frear así o avance da desertificación nos nosos chans, cada vez máis danados co avance do cambio climático; unha situación que se irá agravando.

Os campións da compostaxe

Por esta razón moitos municipios xa se sumaron á recollida selectiva da materia orgánica, e comunidades e municipios como Navarra, Madrid ou Valencia, acaban de anunciar a súa posta en marcha. Pero como aplicala?

Existen diferentes modelos de recollida, cada un coas súas vantaxes e desvantaxes. No noso estudo analizamos 5 modelos diferentes que xa están en marcha no noso país. Como verás fixemos un ránking dos mesmos, imos do quinto posto ao campión por excelencia, aquí explicámoschos:

5º. O quinto colector aberto (analizamos o caso de Barcelona). Consiste en engadir un colector máis ao modelo actual. É dicir, agora mesmo depositamos envases, vidro, papel/cartón e resto en colectores diferenciados. Co quinto colector, a estes colectores sumariámoslle un máis: o da materia orgánica.

Pero por que está no quinto lugar no noso ránking? Basicamente porque a cantidade de residuos impropios que se botan a este colector é moi elevado.

4º. Húmido-seco (analizamos o caso da mancomunidade de Barbanza, en Galicia). Consiste en cambiar o paradigma actual, e separar os residuos en orgánicos e inorgánicos, pero respectando as recollidas de vidro e papel/cartón por separado. É dicir, ao colector actual de envases, engadiríanse o resto de residuos como bolígrafos, xoguetes, perchas, etc. Na parte orgánica só se recollería a materia destinada á compostaxe. Os residuos impropios que atopamos con este sistema de recollida están moi preto dos resultados do quinto colector.

3º. Quinto colector con chave (analizamos o caso de Pamplona). É o mesmo modelo que o quinto colector anterior, pero neste caso só participa a cidadanía disposta a separar os residuos orgánicos. As persoas que queiran, recibirán unha chave para poder depositar os seus residuos neste colector de materia orgánica. O compost é de maior calidade que co aberto, pero a cantidade é inferior, pero claro, polo menos conseguimos un compost que realmente devolve nutrientes aos chans.

2º. Porta a porta (estudamos o porta a porta de Esporles, en Mallorca). Trátase dunha recollida individualizada por fogar, sen necesidade expresa de colectores, na que cada día sácanse os residuos que corresponden cun calendario establecido. Un día tocaría o vidro, outro o cartón e o papel, por exemplo, e a fracción orgánica sería unha das que se recollería con maior frecuencia. Os resultados de separación son excelentes.

1º. Compostaxe comunitaria (analízase o caso de Hernani). Sitúanse varios composteiros en distintas zonas, e a cidadanía que participa leva os seus restos orgánicos aos mesmos. Deste xeito participan de forma activa no proceso da compostaxe e o resultado do compost é de gran calidade.

A complicación da compostaxe comunitaria é que non todo o mundo participaría no proceso. Con todo a combinación de varios sistemas, como o porta a porta e a compostaxe comunitaria, conseguiría os mellores resultados: a separación axeitada da materia orgánica, e como resultado, un compost de calidade.

Icon
Descargar Documento

Manual de Compostaxe 1.23 MB 2602 downloads

Manual básico para facer compost. ...