Este venres 31 de marzo celébrase a conferencia “A Solución Residuo Ceroª, na que se darán a coñecer os casos de éxito e as medidas necesarias para avanzar cara ao ansiado residuo cero. A conferencia, que terá lugar en Medialab – Prado de Madrid, foi organizada por Amigos da Terra, a Rede Zero Waste Europe (Residuo Cero Europa), a Plataforma Aire Limpo – Residuo Cero Madrid e Ecoloxistas en Acción.

Nun ano determinante para a xestión dos residuos no Estado, ten lugar esta conferencia, que reunirá a expertos da materia a nivel internacional. Tanto o Parlamento como a Comisión Europea fixeron público nestes últimos meses o seu descontento coas baixas porcentaxes de reciclaxe en España . Por este motivo, é urxente, tras a análise da situación, expor as medidas recomendadas pola sociedade civil, que en este caso coinciden con propostas da CE.

Na conferencia expoñeranse e debateránse algúns dos temas máis urxentes para resolver os problemas de xestión de residuos domésticos, como é a fracción orgánica dos mesmos e a súa xestión, a preparación para a reutilización e os sistemas de retorno de envases. Tamén se darán a coñecer casos de éxito en diferentes municipios europeos e españois, como Parma en Italia ou Boalo- Cerceda -Mataelpino en Madrid.

Máis de 200 persoas pertencentes ás administracións locais e autonómicas, estudantes universitarios, empresas dedicadas á xestión dos residuos e entidades sociais e ecoloxistas daranse cita neste encontro que promete achanzar o camiño para emprender políticas viables para acdar as porcentaxes de reciclaxe requiridas a nivel comunitario; a lexislación europea esixe acadar o 50% de reciclaxe de residuos para 2020. Non se pode esquecer que España apenas se chega a un 30%, logo é imprescindible implantar novas propostas cuxo éxito xa está demostrado noutros municipios.

O elevado nivel de coñecemento e experiencia das persoas que participan na conferencia promete un encontro enriquecedor do que extraer propostas e inspiracións ambiciosas e eficaces para cambiar o modelo actual de xestión da rexión de moitas vilas e cidades.