A Comisión Europea deu luz verde a unha nova fusión entre dous xigantes da agricultura permitindo que a empresa química estatal Chem China compre á suíza Syngenta. O pasado luns deu vía libre á fusión das empresas estadounidenses Dow Chemical e DuPont. Ademais espérase que a empresa química alemá Bayer compre proximamente á estadounidense Monsanto, principal produtor de sementes do mundo.

A agricultura mundial en mans de tres empresas

Deste xeito a Comisión Europea consolida un mega-monopolio, con control case absoluto de agroquímicos e sementes comerciais. As seis empresas mencionadas confluirían en tres megacompañías que ostentarían o control do 70% dos agroquímicos a nivel mundial e máis do 60% das sementes que se comercializan.

A luz verde a estas fusións pon en perigo a nosa soberanía alimentaria

Para a organización Amigos da Terra este monopolio pon en grave perigo a transición cara a unha agricultura respectuosa co medio ambiente e compromete tamén a alimentación das xeracións futuras. Segundo Branca Ruibal “o control por parte dunhas poucas empresas das subministracións e os mercados agrícolas é a principal causa de fame e pobreza no mundo. Hoxe día prodúcense suficientes alimentos para toda a poboación, é necesario fortalecer e apoiar ás familias e comunidades campesiñas que producen alimentos e non ás grandes empresas que fan negocio cos nosos recursos e a nosa saúde”.

Centenares de organizacións en contra deste monopolio mundial de sementes

Máis de 200 organizacións europeas de campesiños, agricultores familiares e ecoloxistas enviaron unha carta aberta á Comisión Europea mostrando a súa oposición á creación deste oligopolio no sector agrícola. A concreción destas tres mega-fusións representa unha ameaza aínda maior para a soberanía alimentaria, a agricultura familiar e a alimentación.

Fotos

Fotos da acción realizada por Amigos da Terra en Bruxelas sobre megafusiones, a semana pasada.