O pasado 7 de abril, traballamos co alumnado do ciclo de Xestión de aloxamentos turístico do CIFP Carlos Oroza en Pontevedra , nunha xornada de sensibilización sobre un cambio na maneira de consumir, no modelo de xestión de residuos e no impacto da hostelería no medio ambiente.

Comezamos a actividade falando da problemática ambiental global e aportáronse alternativas a poñer en marcha por parte do alumnado, continuamos falando sobre a compostaxe, e xunto con Carlos, mestre composteiro do Plan Revitaliza de Pontevedra, visitamos a area de Compostaxe Comunitaria instalada no Centro.

Continuamos traballando opcións concretas para introducir a xestión ambiental responsable nos establecementos turísticos, e rematamoscunha dinámica na que os participantes sintetizaron todo o aprendido durante o día e aportaron ideas novas.

Con este tipo de accións apoiamos a iniciativa de redución de residuos e de compostaxe en orixe da materia orgánica, así como a implantación da xestión ambiental na hostelería.

Pese a que en principio poida parecer que o traballo na hostelería resulta moi pouco respetuoso co medio ambiente, dende Amigos da Terra apostamos por un sector turístico responsable e respetuoso co medio.  Cos cambios na xestión hosteleira, redúcese a cantidade de residuos que chegan diariamente a vertedoiros e incineradoras, evítanse a extracción de toneladas diarias de recursos naturais, redúcese o cambio climático, afórrase enerxía e en xeral, redúcese o impacto sobre o medio ambiente.