Este ano o Día Mundial do Medio Ambiente, 5 de xuño, celébrase baixo a lema “conectar ás persoas coa natureza”. Amigos da Terra aproveita este paraugas para pór en valor a agroecoloxía e sensibilizar á cidadanía sobre as conexións entre a nosa alimentación e o coidado da natureza. 

Os grupos locais de Amigos da Terra, durante estes días, sairán á rúa para informar á cidadanía acerca dos impactos que o sistema alimentario globalizado ten na saúde das persoas e do planeta. O transporte irracional de alimentos, os cultivos transxénicos, o abuso de agrotóxicos e de antibióticos na gandería serán algúns dos temas a tratar. Así mesmo daranse a coñecer as alternativas locais para ter unha alimentación sa e responsable que coide da nosa contorna e fomente o emprego local.

Os impactos da agricultura industrial son sobradamente coñecidos: o sistema agroalimentario industrial é responsable da metade das emisións contaminantes, o 70% da deforestación en América Latina e o uso exacerbado de pesticidas e outros tóxicos. Con todo existe tamén unha abafadora evidencia sobre as vantaxes da agroecoloxía.

A agroecoloxía aumenta as colleitas de forma notable

No informe de Nacións Unidas, “A agroecoloxía e o dereito á Alimentación”, sinálase como coa agroecoloxía aumentou a produtividade das terras nun 79%. En África este incremento situouse nun 116% e nun 128% nos proxectos do África Oriental. 

En Bangladesh, coa aplicación de técnicas agroecolóxicas, tal e como corrobora o Instituto Internacional de Investigación sobre o Arroz, rexistrouse un aumento do 20% dos rendementos das colleitas de arroz.

Outro dos exemplos, atópase en China, onde os rendementos melloraron un 89%. Neste caso recorreuse aos cultivos mixtos e á diversidade xenética nos campos de cultivo para mellorar a resistencia a enfermidades, o que levou aos agricultores a abandonar o uso de funxicidas.

A agroecoloxía é por tanto unha realidade que demostra que é posible e necesario producir alimentos coidando a natureza e preservando os recursos naturais para as xeracións futuras. No Día do Medio Ambiente e ao longo de todo o ano Amigos da Terra proponse que un número cada vez maior de persoas contribúan cos seus hábitos alimentarios a coidar de planeta.