Noviercas, un pobo de 155 habitantes da provincia de Soria foi o lugar elixido pola cooperativa agrícola navarra Val de Odieta para a instalación dunha macrogranxa de 20.000 vacas. Trataríase da explotación leiteira máis grande da Unión Europea.

Cantas vacas son 20.000 vacas?

Vinte mil vacas son 40 quilómetros de vacas en ringleira. En Francia, a instalación dunha granxa de 1.000 vacas no departamento de Somme ao norte de París foi motivo dunha gran mobilización por parte de agricultores, ecoloxistas e outros colectivos. Os medios franceses referíanse ao proxecto como unha «granxa xigante».

En EE. UU., berce da gandeiría industrial, a construción dunha granxa de 30.000 vacas leiteiras en Oregón, a beiras do río Columbia, provocou a mobilización de colectivos en defensa da auga, a saúde pública e o benestar animal. Apuntan que se trataría dunha das granxas máis grandes de Estados Unidos e denuncian os impactos na calidade e a dispoñibilidade de auga e a calidade do aire.

En España, a granxa de produción leiteira máis grande pertence precisamente ao cooperativa Val de Odieta e conta con 4.800 vacas. Está situada na localidade de Caparroso (Navarra).

Máis auga que toda a cidade de Soria

Unha explotación como a exposta consumiría entre 4 e 6,35 millóns de litros de auga ao día incluíndo usos directos (para beber) e indirectos (limpeza da explotación, sistemas de muxido, etc.), cantidade que pode chegar a superar ao consumo de toda a poboación da cidade de Soria, uns 6,15 millóns ao día. Resulta tamén moi preocupante a enorme xeración de residuos. Esta explotación produciría unhas 368.000 toneladas de excrementos ao ano, o equivalente a unha poboación duns 4,4 millóns de persoas. Esta cantidade equivale ao dobre de residuos orgánicos de toda a poboación de Castela e León e case 50 veces os xerados por todos os habitantes da provincia de Soria.

Alimentar 20.000 vacas

É necesario fornecer 600.000 Quilos de forraxe cada día para alimentar 20.000 vacas. A superficie de cultivo necesaria para obtelo é outro impacto ambiental a ter en conta. Particularmente problemática sería a produción de proteína vexetal, xa que ten lugar maioritariamente fóra das nosas fronteiras. A soia, na súa práctica totalidade transxénica, procedente de países de Sudamérica (principalmente Brasil, Arxentina, Paraguai e Uruguai), é a principal fonte de proteína na formulación de pensos. Para satisfacer as necesidades de soia desta explotación serían necesarios uns 60.000 quilos diarios de soia, o que implicaría que, cada ano, deberían cultivarse máis de 6.000 hectáreas de soia en países do sur. A produción de soia é unha das principais causas de deforestación, desprazamento de comunidades e incremento no uso de agrotóxicos no Cono Sur, con graves impactos sobre a saúde pública e o medio ambiente.

O proxecto é motivo de polémica na provincia de Soria, xa que os seus defensores preséntano como unha oportunidade de desenvolvemento e crecemento económico, a pesar de ser a paradigma de industria que deixa no territorio os impactos e leva os beneficios. Segundo os cálculos realizados pola Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras, a macrogranxa substituiría 432 explotacións familiares, e destruiría 726 empregos en zonas rurais.

A gandaría industrial é un dos principais causantes de cambio climático e perda de biodiversidade. É necesario fomentar outro modelo de gandería que coida a contorna e dinamiza a economía e o emprego sen pór en xogo a nosa saúde e a da nosa contorna.