Amigos da Terra, Asociación Forestal Frouma, Federación Ecoloxista Galega, Organización Galega de Comunidades de Montes e Sindicato Labrego Galego, promoven a creación dunha Mesa de Traballo dos Lumes Forestais na que participen todos os axentes do sector na Galiza. A intención desta mesa é a de crear un foro estable de traballo e diálogo de cara a que o Plan de Defensa contra os Incendios Forestais (Pladiga) que desenvolva a Xunta responda realmente ás demandas e necesidades da sociedade galega e non a unha planificación que a Dirección Xeral de Montes copia e pega, case sen cambios, ano tras ano; e que, ano tras ano, fracasa: temos o 50% dos lumes do Estado e o 30% da superficie arrasada.

Aínda que o foro onde se debería traballar e debater todo isto é o Consello Forestal de Galicia, a Consellaría de Medio Rural fai imposible a participación dos axentes sociais que formamos parte del. Dende a creación do Consello Forestal, no ano 2004, estase pedindo a creación dunha mesa de traballo específica para planificar a loita contra o lume. Porén, dende aquela non se fixo caso desta petición.

O actual Pladiga, aprobado polo último Consello da Xunta, foi presentado aos axentes do Consello Forestal un venres pasado o mediodía, cando a xuntanza do Consello era o luns seguinte e estamos a falar dun documento de máis de 300 páxinas, ao que habería que sumar anexos e documentación adicional. O lóxico sería que as organizacións que estamos no Consello Forestal poidamos facer achegas ao longo do ano sobre as eivas do Pladiga do ano anterior e sobre as melloras do presente. Pero desta vez tampouco foi posible.

O Pladiga 2017 ten un orzamento de 174 millóns de euros, o meirande para labores de extinción, case nada para prevención (que é o gasto que se debería potenciar), e con moitos gastos difíciles de xustificar. Un bo exemplo disto último é o convenio establecido entre a Xunta e o exército, caso único no Estado Español e, posiblemente, en Europa. A pesares de que o exército se mantén con cartos públicos, a Xunta orzamenta preto de 600.000 € para financiar o seu apoio. Moitos destes cartos van destinados a pagar as dietas dos efectivos: 77 € por día para soldados rasos, e 103 € para oficiais e suboficiais. Desta maneira, prodúcense inxustizas como que un soldado pode cobrar só coas dietas de 10 días máis que o salario mensual do peón dunha brigada municipal contra incendios. E iso sabendo que o soldado non está especializado na loita contra o lume e só realiza labores de vixilancia, non de extinción. Só cos cartos destinados a pagar ao exército, poderíanse desbrozar e limpar 2.400 quilómetros de vías de comunicación e estradas como labor preventivo contra o lume.

Temos detectado moitas eivas doadas de solucionar, pero non puidemos compartilas no Pladiga 2017. Por exemplo, a día de hoxe, xa en época de máximo risco de incendios, están sen facer o meirande dos labores de prevención previstos nos distritos forestais galegos. Gastáronse 7 millóns de euros nun sistema de comunicación Tetra (Terrestrial Trunked Radio) que fallou estrepitosamente nas vagas de lumes en Ferrolterra e na Ribeira Sacra do ano pasado. Mesmo vimos que o Pladiga, a base de cortar e pegar, contempla moitas torres de vixilancia que non existen por levar varios anos pechadas.

En canto ao persoal, reducíronse notablemente o número de axentes forestais, nalgúns distritos até o 50%; e as brigadas teñen cada vez menos efectivos, habendo algunhas compostas só por unha ou dúas persoas, cando o mínimo de efectivos deberían ser cinco. En canto á información e formación sobre riscos laborais do persoal de extinción é moi deficiente, cando se trata dun sector laboral no que houbo máis de 120 mortes nos últimos 20 anos.

Todos estes son exemplos de que o Consello Forestal non está a funcionar como foro para tratar os problemas do sector e, diante da cerrazón da Consellaría de Medio Rural, tomamos a iniciativa para comezar o proceso de constitución dunha Mesa de Traballo dos Lumes Forestais, aberta á participación de todas as entidades do Consello Forestal de Galicia e aqueloutras sectoriais e da sociedade civil galega que o desexen, para contribuír a frear a lacra dos incendios.

mesa lumes

Presentación da mesa de traballo dos lumes forestais

Consideramos que as achegas das distintas sensibilidades e dos axentes das moitas áreas de traballo relacionadas co monte enriquecerán o proceso e conseguiremos chegar a unhas conclusións que contribúan a mudar o actual sistema de prevención e loita contra os incendios forestais. Tamén queremos convidar á Consellaría de Medio Rural a participar desta iniciativa e aportar a súa visión ao respecto.

Aínda que a dinámica das xuntanzas nos irá encamiñando na liña de traballo, un primeiro acercamento ó tema reflicte as grandes áreas de actuación que afectan directamente á problemática dos lumes e que poderían ser obxecto de análise:

  • POLÍTICA FORESTAL: Ordenación do territorio e de usos; planificación forestal; posta en valor do monte; divulgación, educación e concienciación.

  • PLANS DE DEFENSA: Transparencia e participación social e sectorial; zonificación e épocas de perigo; orzamentos; vixencia e prazos de presentación.

  • PREVENCIÓN: Planificación territorial; silvicultura; estrutura da paisaxe; temporalización das actuacións.

  • EXTINCIÓN: Servizo público; convenios; medios (terrestres, aéreos, parque de maquinaria); protocolos de actuación e coordinación; vixilancia e disuasión; medios humanos (estruturación das brigadas, categoría profesional, contratacións e condicións de traballo); prevención de riscos e seguridade e saúde no traballo.

  • INVESTIGACIÓN DAS CAUSAS: Coordinación dos servizos forestais e as forzas de seguridade

  • RESTAURACIÓN DAS ZONAS QUEIMADAS.

O obxectivo desta Mesa de Traballo é chegar a consensos nas políticas forestais e de prevención e extinción de incendios para atopar solucións que rematen coa maior eiva que afecta ao patrimonio natural galego. É posible rematar cos incendios forestais e é imprescindible o desenvolvemento sustentable dos nosos montes para garantir o futuro económico, ecolóxico e social do país.

Reiteramos o carácter aberto da iniciativa e dende hoxe traballaremos para a constitución da mesa e a convocatoria das xuntanzas.