Dende os últimos cinco anos estamos vendo como as actuacións do concello de Ourense en canto ao patrimonio arbóreo da cidade poden encadrarse como “arboricido xeneralizado”. Os diferentes grupos políticos que tiveron responsabilidades de goberno, pouco fixeron nestes últimos cinco anos na cidade de Ourense en relación a conservación do noso patrimonio natural.

Moitos exemplares de cedros, chopos brancos, cipreses, plátanos comúns…foron cortados polo pé ou foron decapitados sen seguir os máis mínimos consellos existentes nos manuais básicos da arboricultura tanto moderna como antiga. As últimas vítimas foron as árbores da Praza de San Marcial e as da Praza Bispo Cesáreo, e moito nos tememos que as seguintes serán as da Praza das Mercedes.

A administración local na cidade de Ourense é unha mostra de falla de sensibilidade, de falla de visión de futuro, de falla de políticas medio ambientais axeitadas, e de falla de respecto cara o patrimonio arbóreo.

Árbores perigosas!!!! o perigo non son as árbores, o perigo está nos responsables que levan a cabo actuacións inxustificadas.

Non se poden tratar as árbores como se foran mobiliario urbano, tratalas como se fosen farois, tampouco se poden agochar no falso argumento do seu estado sanitario ou na seguridade. As árbores nas cidades, como ser vivo que son, precisan de coidados, de tratamentos axeitados, de seguimento anual do seu estado e necesidades, de curas de selo caso…

Lembrar que as cidades que teñen/promoven políticas medio ambientais e que fomentan a sustentabilidade dos seus recursos naturais co desenvolvemento económico, unha das súas primeiras actuacións consiste en catalogar o seu patrimonio arbóreo, facer un seguimento do estado de saúde das árbores, coidar e realizar tratamentos axeitados para curar as árbores que poidan estar enfermas, actuacións que se complementan con campañas de sensibilización/educación cara a poboación.

Amigos da Terra considera que as actuacións realizadas podían evitarse se no Concello de Ourense estivera creado o imprescindible Consello Municipal de Medio Ambiente. Neste Consello municipal de medio ambiente, como consello de participación pública, podían aportarse ideas, solucións, planos de actuación, inmediata catalogación do patrimonio arbóreo con que conta a cidade, necesidades de mantemento do patrimonio arbóreo, etc.

Na actualidade o Concello de Ourense xa conta, entre outros, cun Consello Municipal de Deportes o cal é moito mais importante que a situación ambiental da cidade, e no que parece que predomina a sua preferencia polo deporte da tala de árbores. Esa é a prioridade do Concello de Ourense, deixando de lado e bloqueando a creación do Consello Municipal de Medio Ambiente, consello longamente prometido e a día de hoxe aínda non constituído.

Dende Amigos da Terra nos preguntamos que se no Concello de Ourense hai un Consello Municipal de Deportes, por qué non existe aínda un Consello Municipal de Medio Ambiente?. O que si temos claro, é que o camiño collido polos responsables de medio ambiente da cidade está a anos luz do que ten que ser unha cidade medio ambientalmente sustentable mentres non se constitúa un Consello Municipal de Medio Ambiente. Tamén agora, as árbores así veñen de demandalo…