A Serra do Xurés, O Courel, A Serra de Queixa, Os Montes do Invernadoiro, A Ribeira Sacra, A Serra de San Mamede, Os Ancares… outra vez o lume anda ceibe queimando ao chou os ecosistemas de máis alto valor do país.

Os traballos de prevención programados para o ano 2017 aínda sen facer, a maioría das casetas de vixianza de incendios pechadas, as brigadas de extinción na casa ou baixo mínimos, distritos coa metade dos axentes forestais que había fai dez anos…174 millóns de euros no ano 2017 converten a Galicia no territorio de Europa que máis diñeiro inviste na extinción de incendios. Ula prevención? ulos coidados dos nosos montes? onde enterran os cartos?

Avións, helicópteros, asistencias técnicas, o exército, técnicos que fan de emisoristas, avións non tripulados “drons”, guardia civil a cabalo, policía montada, multitude de cargos de libre designación coa administración forestal máis politizada da Unión Europea…Os lumes forestais convertidos nun negocio de escuros intereses e o patrimonio natural do país calcinado nunha pira incendiaria que xa dura máis de medio século. Rabia, tristeza, impotencia por tanto desleixo, falla de reacción e altura de miras.

Unhas conselleiras, a do Medio Rural e maila do Medio Ambiente que nin xiquera visitan as zonas afectadas, un Presidente da Xunta sumido nunha cegueira premeditadamente guiada na que só observa un gran éxito do operativo de loita contra o lume. Se as cousas se torcen só se lles ocorre falar do código penal e da alta intencionalidade. Ningunha autocrítica, ningunha solución. Unha de dúas Sras. Conselleiras, Sr. Presidente, ou vostedes menten, ou vostedes están enganados polos seus asesores.

Precisamos curta lumes “devasas” para alumear e ver a realidade, devasas contra incompetencia, devasas contra indiferenza, contra o desleixo, contra o engano e a mentira…Urxen devasas que fagan reaccionar a unha sociedade e a unha clase política dormiñenta, covarde, silenciada, unha terra que non se decata que estamos estragando o futuro económico, ecolóxico e social dos nosos fillos.

Diante da situación claro que urxe coverternos a todos e a todas en devasas. Que chova xa!!! única maneira nestes intres de frear a desfeita.

Xosé Santos Otero, Traballador forestal e ex-presidente de Amigos da Terra