A Direción Xeral da Auga do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, ven de remitir a Amigos da Terra a resolución do expediente sancionador contra o Concello de San Cibrao das Viñas polos vertidos realizados nos meses de maio e xuño do ano 2016 e que foran denunciados por Amigos da Terra e pola plataforma Rios Limpos.

A comunicación que o Organismo fai á entidade ecoloxista versa sobre o expediente sancionador contra o Concello de San Cibrao das Viñas polos “vertidos realizados durante os días 07/05/2016 e do 07/06/2016 ao 10/06/2016 incumprindo as condicións establecidas na autorización de vertido outorgada pola Confederación Hidrográfica Miño Sil, no ano 2004”. Para Amigos da Terra resulta salientable que estes vertidos, producidos o ano pasado, ocasionaron “danos valorados en 19.137,60 euros” como consecuencia dos danos producidos ao dominio público hidráulico a causa dun vertido contaminante de deterxentes, e unha indemnización en concepto de multa por importe de 63.791,98 €, tratándose ademais dunha autorización de vertido do ano 2004, xa transgredida polo concello de San Cibrao en múltiples ocasións.

Temos que sinalar que dende a Confederación Hidrográfica Miño-Sil xa manifestou anteriormente a “reiteración da conduta antixurídica pola entidade local do Concello de San Cibrao”, sendo este sancionado en múltiples ocasións dende os anos 2006 ata a actualidade polo incumprimento das autorizacións de vertidos.

Esta teima, reiterada e pertinaz, de infrinxir a legalidade levou ao organismo de conca a impoñer a sanción máxima prevista na lei para este vertido, que nesta ocasión esta tipificado como grave. Pero esta nova multa é so a última dunha longa lista, de polo menos 10 expedientes condenatorios nos últimos 5 anos, na que destaca a sanción que se lle impuxo por un importe que superaba os 114.000 euros por uns vertidos realizados en marzo de 2010, mais outras de 18.700 euros no ano 2013, e de 10.000 euros no 2015.

Tamén lembramos que aínda queda pendente a resolución dun caso moito máis grave, que está en vía xudicial por delito ecolóxico, duns vertidos producidos en xuño de 2009 e que causaron a morte de 17.000 peixes e danos á flora de ribeira.

É particularmente vergoñento que unha administración pública, que debería ser exemplo de boa conduta fronte á cidadanía e as empresas, lidere a vulneración da legalidade ambiental, e para máis bochorno o faga de xeito reiterado e sen emprender ningunha medida para corrixir o dano ambiental que causa nin por en marcha accións preventivas que eviten futuros os danos ambientais e as súas sancións. Outras vítimas deste modelo de xestión municipal o son tamén as veciñas e veciños deste concello, que ademais de perder calidade ambiental no seu territorio, perden cuantioso diñeiro público, de todos e todas, que ten que ir ao pago destas sancións, na vez de ser destinado en servizos públicos en beneficio da cidadanía do municipio.


“A imposición deste tipo de sancións, constitúen unha parte da educación ambiental necesarias para previr actos contaminantes pero que serán del todo ineficaces senón se complementan coa concienciación e sensibilización algo que, ata o de agora, non mostran as administracións galegas respecto ao coidado do medio ambiente e ao cumprimento estrito das leis que o preservan”, expoñen dende Amigos da Terra.

Tamén demandamos a aplicación doutro tipo de sancións denominadas funcionais, como a revogación de autorizacións ou o peche de instalacións alén da publicación dos datos daquelas entidades que danan ao medio ambiente e poñen en perigo a saúde das persoas. Está claro que esta depuradora é inútil e debe de ser substituída por unha nova infraestrutura, adecuada as necesidades presentes e futuras, que garanta o adecuado tratamento das augas residuais antes do seu vertido ao rio Barbaña.