O Concello da Coruña ven de presentar a nova estratexia municipal de xestión de residuos,  que busca,  a través de varias  e diversas melloras sustanciais, unha maior sensibilización e implicación da cidadanía na procura de un modelo de cidada máis sustentable e responsable cos seus recursos.

Dende Amigos da Terra celebramos e queremos poñer en valor o gran esforzo que supón a apertura do proceso de participación que se está levando a cabo, no que se presentou persoalmente esta estratexia ás organizacións representativas da cidadanía, entre as que estivemos presentes, e no que se escoitaron e discutiron  con gran receptividade ás achegas propostas.

Agardamos que esta estratexia sexa un punto de partida para moitas outras melloras na xestión municipal, que camiñen  e traballen cara o utópico Residuo Cero e sirva de exemplo para outras administracións, tanto no fondo como na forma.

Amigos da Terra elaboramos un documento de propostas que presentamos ao Concello, dentro do prazo do proceso de participación, co fin de enriquecer a estratexia e achegala á filosofía de Residuo Cero.