Dende o ano 2002 a asociación ecoloxista Amigos da Terra desenvolveu un proxecto vangardista orientado cara un novo modelo de sustentabilidade a través do Centro de Educación Ambiental As Corcerizas; agora ese proxecto chegou ao seu fin.

Durante o ano pasado, tras unha análise detallada dos custes de mantemento e persoal, chegamos á conclusión de que Amigos da Terra non podía facerse cargo de todo como ata o de agora. De novo exploramos a posibilidade de que a Deputación de Ourense se fixera cargo de parte dos custes, pero non foi posible chegar a un acordo que satisfacera a ambas partes. Este supón un cambio de traxectoria que implica que, na actualidade, dende Amigos da Terra, non ofertamos nin xestionamos ningún tipo de actividade nin servizo de albergue ao público, quedando restrinxido o uso de As Corcerizas ao desenvolvemento de eventos propios do noso colectivo.

Ao longo destes 15 anos moitas persoas socias, técnicas, voluntarias, amigas, aportaron os seus coñecementos, traballo e ilusión para que o equipamento constituíra un referente e un exemplo capaz de liderar e demostrar un novo modelo de desenvolvemento baseado en criterios de sustentabilidade, a través de alternativas prácticas que minimizaran o noso impacto ambiental e social e que puideran ser facilmente incorporadas no día a día.

Estes esforzos non foron en van, achegamos a miles de persoas outros xeitos de construír, de xerar e consumir enerxía, de xestionar os nosos residuos e de alimentarnos; tamén exploramos outras formas de relacionarnos e de traballar en equipo. Formamos e nos formamos. Coñecemos outros xeitos de vivir e puxemos en contacto a persoas e proxectos.

O balance destes anos so pode ser positivo e a sensación de agradecemento a todas as que participáchedes desta aventura, é infinita.

Grazas a todas e a todos.

 

P.D. Podedes leer este artigo de Elixio Rivas sobre a historia de “As Corcerizas”