A cidade de Somoto foi o punto de encontro de 30 mulleres dos municipios de Totogalpa, San Lucas, La Sabana e Somoto, que inauguraron a Escola de Lideresas, promovida por INPRHU Somoto e Amigos da Terra, con financiamento da Xunta de Galicia. Esta actividade enmárcase dentro dun proxecto que está a fortalecer as capacidades produtivas, económicas, comerciais e organizativas de produtores e produtoras de hortalizas, café, mel e grans básicos de 8 municipios de Las Segovias, Nicaragua.

“A escola quere mellorar as capacidades e oportunidades das mulleres que están asociadas en diferentes cooperativas de Las Segovias, para que asuman o seu liderado e tomen decisións”, dixo Renaldy Morales, Coordinador de Programas de INPRHU Somoto.

Na actualidade, o liderado das mulleres nas cooperativas é débil. A pesar diso, hai un liderado feminino nato dentro das cooperativas que require formación e empoderamento.

A porcentaxe de mulleres en postos directivos é moi baixa. Representan 15 ou 20% en postos de decisión, e en moitos casos esta porcentaxe é para cumprir coa representación mínima (número) de mulleres nas xuntas directivas. Ademais, os patróns tradicionais nas áreas rurais do norte do país continúan deixando sen control ou acceso aos recursos ás mulleres. A propiedade, o negocio, a terra, continúan a nome dos homes.

A participación da muller na cadea de valor é invisible, e só é vista como axuda e relegada á comercialización. O rol imposto como coidadoras da familia e da casa fai que asuman cada día unha dobre ou triple xornada cando queren exercer o seu liderado ou participar activamente na súa comunidade.

As alumnas, que veñen de 14 comunidades con graves problemas de seca, asistirán á escola cada 15 días durante preto de 3 meses e aprenderán sobre liderado e traballo en equipo, xénero, autoestima, toma de decisións, empatía, desenvolvemento persoal e desenvolvemento organizacional.

Segundo Renaldy, esta formación permitirá que as mulleres teñan interese en ocupar cargos importantes e que podan dirixir e participar na toma de decisións de todas as materias das súas cooperativas. Ademais, axudará a mellorar a súa autoestima.

INPRHU Somoto e Amigos da Terra xestionarán ademais a aprobación de medidas e normas internas dentro das cooperativas para garantir e promover a igualdade de xénero.