Vimos de recibir unha axuda enmarcada no programa Iniciativa Xove da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia para poder levar a cabo un proxecto que nos permitirá complementar o traballo que levamos desenvolvendo nos últimos tempos na Escola de Sustentabilidade. O obxectivo é integrar os principios da educación popular nas nosas dinámicas internas, no traballo diario das persoas que conformamos a asociación, é dicir, como conseguir unha participación real e que esta fortaleza o compromiso das persoas voluntarias. Estase detectando que a xente nova ten menos interese e conciencia crítica, que o voluntariado, de forma maioritaria, ten pouco compromiso e baixa capacidade de participación dentro das entidades.

Por outra banda, aínda que as asociacións teñen unha base social fundamentalmente feminina, non hai esa correspondencia nos órganos e espazos de decisión incluso na participación máis externa (medios de comunicación, voz nas asembleas, etc). Dende o compromiso asumido por Amigos da Terra de integrar a xustiza de xénero nas nosas estratexias, do mesmo xeito que a xustiza ambiental, social e económica, queremos buscar fórmulas para empoderar ao voluntariado feminino dentro da organización, que sirva de inspiración e modelos a seguir noutros sectores.

A través da educación popular e de experiencias de aprendizaxe non formal queremos estimular o protagonismo e liderado, a creatividade e o talento da xente máis nova, especialmente das mulleres. Está demostrado que as competencias, coñecementos e habilidades que proporciona o voluntariado, son incluso altamente valoradas polos empregadores.

Polo tanto, baseándonos nestas premisas e contando tanto ca experiencia da asociación na xestión de voluntariado local e internacional queremos desenvolver un proxecto de fomento da participación dentro da xente nova especialmente enfocado ao empoderamento das voluntarias do terceiro sector a través da educación popular. A través de distintas actividades propoñémonos necesario crear espazos informais onde as activistas, especialmente as mulleres se empoderen, reflexionen e asuman un papel fundamental na toma de decisións, a formulación e realización das actividades. Tamén se cree necesario acompañar no proceso de aprendizaxe de toda a base social na inclusión da educación popular ofrecendo itinerarios viables.

Ao mesmo tempo traducirase material elaborado na nosa rede internacional sobre a educación popular para a súa divulgación. Para culminar o proxecto, realizaremos un encontro final de convivencia, reflexión e compartillamento de experiencias en torno á participación, os roles de xénero e os coidados dentro dos grupos especialmente enfocada as mulleres novas e onde se convidarán a outras asociacións e persoas voluntarias.