Co gallo da celebración da Semana Europea da Mobilidade, a organización ecoloxista Amigos da Terra, o colectivo cidadán de ciclistas Masa Crítica, e a asociación por unha mobilidade responsable Mobi-liza, en colaboración coa asociación Sustinea, o Cineclube Padre Feijoo e a Biblioteca Nodal, únense para promover en Ourense diferentes actividades en defensa dunha cidade máis saudable, verde, e vivible.

Os promotores queren sensibilizar aos responsables políticos e á cidadanía sobre as consecuencias negativas que ten a irracional dependencia dos vehículos a motor na cidade de Ourense, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente, e convidan a deixar o coche e os malos fumes na casa para achegarse a modos de transporte máis sustentables e saudables, como a bicicleta.

As actividades comezarán o mércores 19, ás 20h30 da tarde e con entrada gratuíta, día no que, en colaboración co Cineclube Padre Feijoo, proxectarán na Biblioteca da rúa Concello o filme iraní “O ciclista”, en versión orixinal subtitulada ao galego.

O xoves 20, ás 20:00h desde Praza das Mercedes, sairá o “Bicivicio”, unha ruta en bicicleta que se desprazará por diferentes barrios da cidade con paradas de bar en bar, tomando cervexa sen, refrescos e tapas.

O venres 21 unirán Ourense ao Park(ing) Day, unha iniciativa a nivel mundial coa que converterán unha praza de aparcamento nun parque efémero, transformándoa nun espazo para o disfrute das persoas e invertindo así a excesiva ocupación do espazo público polo vehículo privado.

Os colectivos convidan ademais a implicarse o sábado 22 na celebración do Día Mundial SEN Coches, animando a todos os ourensáns a moverse a pé, en bici ou en transporte público.

O transporte é a principal causa de fragmentación dos ecosistemas e un dos maiores responsables do actual caos na ordenación do territorio e a planificación urbanística, e contribúe ao deterioro da calidade de vida nas cidades. Diminuír o uso dos vehículos a motor ten moitos beneficios ademais de contribuír a frear o cambio climático.

Na semana da mobilidade, deixa o coche e os malos fumes na casa e ven en bici a celebrala con nos!