As negociacións concluíron o venres da semana pasada, na sede de Nacións Unidas, Xenebra, tras aprobarse por consenso no grupo de traballo das conclusións para a creación dunha ferramenta xuridicamente vinculante que permita xulgar as violacións de dereitos humanos perpetradas por multinacionais.

Os representantes de 94 países e ao redor de 400 delegados de organizacións da sociedade civil, entre elas Amigos da Terra, déronse cita neste proceso sobre o futuro tratado; unha marca de participación e asistencia que garante a continuidade das negociacións.

Actitude irresponsable do goberno español

“A pesar da alta participación, debemos lamentar a actitude irresponsable do Goberno español que se mantivo toda a semana á marxe das negociacións a pesar das dúas propostas non de lei aprobadas polo congreso dos deputados que instan o goberno a implicarse activa e propositivamente nesta iniciativa. O goberno de Pedro Sánchez perde así unha oportunidade para demostrar que ten a firme vontade de colocar aos dereitos humanos por encima dos acordos comerciais”, explica Víctor Barro, o noso portavoz de Xustiza Económica en Amigos da Terra, ao seu regreso de Xenebra.

Desde a “Campaña Global para desmantelar o poder Corporativo e pór fin á Impunidade“ reclamamos que se inclúan os seguintes puntos no próximo borrador para a quinta sesión de 2019:

  • O enfoque sobre multinacionais e as actividades comerciais transnacionais segundo o establecido pola Resolución 26/9 [1].
  • Obrigacións directas e responsabilidade penal, civil e administrativa por violacións de dereitos humanos por parte de empresas transnacionais.
  • Unha corte internacional específica para xulgar estes abusos; o predominio dos dereitos humanos sobre os acordos de comercio e investimento.
  • A protección do proceso ante a influencia de empresas.
  • A garantía dunha participación segura da sociedade civil en todo o proceso.

Ao longo da semana, as comunidades afectadas por violacións sistemáticas de dereitos humanos detallaron as ameazas ás que ven expostas, así como a privación dos seus medios de vida. Heroes e heroínas que están a conseguir reformar as leis de dereitos humanos desde a base.

A pesar de que as comunidades afectadas desempeñan un papel central no proceso, algúns estados cuestionaron o dereito das vítimas a participar nas negociacións e explicar a situación das comunidades. Precisamente este tratado debe manter ás persoas máis afectadas no centro para garantir unhas regras que poñan fin á impunidade de multinacionais.

A Unión Europea non está polo labor

Mentres 54 países africanos uníronse no compromiso de apoiar o tratado, co liderado de Sudáfrica, ou Indonesia e Filipinas mostraban o seu apoio ao mesmo, a UE mantívose á marxe das negociacións, chegando a desvincularse do consenso alcanzado polos demais países.

Amigos da Terra Internacional participou no proceso de forma activa coa representación de 20 países, xunto á sociedade civil organizada baixo o paraugas da “Campaña Global para desmantelar o poder Corporativo e pór fin á Impunidade“, coalicións estatais e outros axentes relevantes, incluídos parlamentarios e autoridades locais de todo o mundo. A federación seguirá este camiño e continuará presentado e apoiando propostas construtivas que fagan do tratado unha ferramenta efectiva para protexer os dereitos humanos.

 

[1] A resolución 26/9 é a que foi aprobada en xuño 2014 no UNHRC (consello de dereitos humanos de Nacións Unidas) e mandou crear un instrumento xuridicamente vinculante sobre dereitos humanos e empresas.

Proposta “Campaña Global para desmantelar o poder Corporativo e pór fin á Impunidade“ https://www.tierra.org/wp-content/uploads/2018/10/An%C3%A1lisis-BORRADOR-CERO-campagne-ESP_FINAL.pdf