Chámome Pura Seoane Albela e encántame definirme como muller, labrega, nai e filla; e amo o que son. A miña vinculación coa agricultura empezou fai dezaseis anos. Eu tiña moitas ganas de traballar na terra e aínda que tiña un traballo que tamén me gustaba moito, o feito de que me criase nunha granxa e cunha nai labrega, influíume moito en que acabase neste ámbito. Cando a miña nai xubílase, a terra na que ela traballaba deixa de utilizarse e comeza a empobrecerse. Este feito causábame un gran pesar pero quizais o que inclinou a balanza foron os meus fillos.

No traballo que anteriormente tiña, empregaba moitas horas e era imposible estar moi preto deles. Algo que lembraba da miña nenez era saber que cando a miña nai estaba nalgunha leira, só me tiña que deixar escrito en cal e eu sabía chegar até ela. Isto era o que quería para os meus fillos e o que fixo decidirme a dedicarme a traballar a terra. Como xa tiña moita formación e información do que estaba a pasar no planeta, inclineime pola agricultura ecolóxica, para respectar o medio ambiente, a terra, os alimentos e a saúde das persoas. Tamén tiña claro que quería facelo en comunidade, e como na miña aldea xa non quedaba xente, fíxenme socia da rede WWOOF. Grazas a este movemento que conecta voluntariado con granxas e persoas que producen ecolóxico, pode vir colaborar xente de todo o mundo ao noso negocio, Hortasán. Un exemplo, é unha parella que se coñeceu na granxa, ela era de República Checa e el galego, e que agora teñen a súa propia horta e o seu propio punto de venda.

Hoxe creo que é totalmente imprescindible que xente como eu esteamos aquí. Para o meu, a existencia de persoas vendendo os seus produtos sans e ecolóxicos é equiparable á sanidade ou a educación pública. Agora mesmo sento que é unha responsabilidade seguir aquí, que estou a cumprir un obxectivo e a sociedade necesítanos. O motivo que me leva a pensar así é que a terra está a dar os seus últimos suspiros, o meu corazón aborixe lémbramo continuamente, e quero poder trasladar isto. Quen queira deixarse reeducar, vou darlle toda a sabedoría que teño para que podamos ter unha terra como a que tiveron os nosos antepasados. Creo que moi fraco favor farémoslle ás nosas fillas e fillos, si non lles damos unha educación integrada no medio e responsable coa terra. Considero que debo dar pautas neste terreo desde a humildade dunha mestra e aprendiz, como fun toda a vida.

Hai unha frase que sempre digo e que ma lembra agora outra xente que xa está a producir tamén: “Colle un puñado de sementes, tíraas á terra, simplemente observa como xerminan, como nace unha planta que despois che vai a dar comida. Iso é xa un bo comezo”.

Sinfonía para o cambio

Este texto forma parte da publicación Sinfonía para o cambio que reúne as experiencias en primeira persoa de activistas que desde enfoques e posicións diferentes desenvolven o seu labor asociativo, profesional ou artística para favorecer a transición cara a unha sociedade onde as persoas e o planeta están no centro das políticas. Convidámosche a coñecer outras destas pequenas historias de heroes e heroínas coas que atopar inspiración e sumarche ao cambio.

Podes consultar a publicación completa aqui: “Sinfonía para el Cambio: activismo fronte al cambio climático”