O pasado mes de setembro en Amigos da Terra iniciamos un novo proxecto de Educación para o Desenvolvemento, financiado pola Xunta de Galicia, sobre agroecoloxía e soberanía alimentaria. Grazas a este proxecto poñeremos en marcha una Rede de Hortas Ecolóxicas Escolares na cidade de Vigo e continuaremos coa difusión e a formación en método biointensivo de cultivo de alimentos.

A estas alturas xa conformamos a Rede de Hortas, que proximamente terá unha web propia onde poderedes coñecer en detalle todo o que fan os oito centros escolares integrados: EEI Vila Laura, EEI Monte da Guía, CEIP Frian de Teis, CEIP Josefa Alonso, CEIP A Doblada, CEIP San Salvador de Teis, CEIP Sobreira-Valadares e CPR Possumus.

Ademais da web, que funcionará como un espazo de intercambio e aprendizaxe para os centros, os centros xa están recibindo visitas de apoio técnico para traballar a horta co alumnado, e participarán ao longo do curso escolar en varias formacións para o persoal docente.

Así, hoxe comezamos unha formación básica en agricultura ecolóxica para que o profesorado adquira coñecementos e habilidades para implicarse de cheo na planificación da horta do seu centro. Doce horas de formación que lles achegarán aos principios básicos da agricultura ecolóxica e  a ferramentas prácticas para empregar tanto na horta como no traballo de aula asociado aos proxectos de hortas escolares.