Amigos da Terra pon en marcha o proxecto “Aplicación de compost procedente de residuos municipais a chans agrícolas e pastos”, para pór de manifesto os beneficios do uso de compost na adaptación e mitigación do cambio climático.

O proxecto, realizado por Amigos da Terra e a Universidade de Santiago, é a primeira investigación que agrupa a análise de compost e a súa aplicación, para coñecer a súa contribución na adaptación ao cambio climático, en territorios con condicións e características tan diferentes. No proxecto, que conta co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través da Fundación Biodiversidade, participan 19 provedores de compost, cuxo abono se aplicou en 24 chans, desde hortos e viñedos até dehesas.

Cada persoa xera ao ano case media tonelada de lixo, da cal preto dun 40% son residuos orgánicos. Das 22 millóns de toneladas de lixo que se xeran ao ano en España, o 70% vai parar a vertedoiros e incineradoras, e só o 18% a compostaxe.

Nun país con problemas de desertificación en máis dun 70% do seu territorio, e con tendencia a empeorar debido ao cambio climático, non se poden desperdiciar os recursos orgánicos que, transformados en compost, devolven nutrientes aos nosos chans.

A compostaxe é o mellor método para xestionar os residuos orgánicos

Por este  motivo en Amigos da Terra defendemos a compostaxe como o mellor método para xestionar os residuos orgánicos. De feito, a lexislación europea e estatal marcan o camiño da recollida separada en orixe da fracción orgánica dos residuos para facer compost (a UE fala de recollida obrigatoria en 2023 e en España exponse adiantala a 2020).

Os beneficios da compostaxe para adaptar os chans ao cambio climático

Este proxecto busca mostrar un dos grandes beneficios do compost, contribuír á adaptación dos chans ao cambio climático, principalmente ante as dúbidas que poidan xurdir a administracións públicas e sector agrícola a respecto do uso do compost.

Para iso, aplicouse compost, previamente analizado, procedente de 19 fontes sobre 24 chans, tamén analizados anteriormente, para obter o máximo de información, nas rexións de Baleares, A Rioxa, Madrid, Cataluña, Galicia e Aragón.

O compost seleccionado procede en todos os casos de recollida selectiva da fracción orgánica dos residuos municipais, pero a diferente escala, compostaxe comunitaria, doméstico e en planta.

Pasados uns meses analizaranse  os chans para coñecer os efectos do compost na súa estrutura, así como as melloras do mesmo na súa adaptación e resiliencia fronte a cambios de temperatura e diminución da dispoñibilidade de auga, aínda que ha de terse en conta que se trata dun prazo moi curto como para apreciarse todos os beneficios da aplicación do compost.

Ademais con este proxecto, desde Amigos da Terra pomos en contacto a produtores de compost con propietarios de chans, e difundimos entre a cidadanía as prácticas que se están pondo en marcha e os seus beneficios.

A nosa organización leva 20 anos traballando en proxectos de compostaxe en máis de 30 municipios, e en campañas de presión política para lograr a separación da materia orgánica e a súa compostaxe.