Tras meses de intensa negociación, a UE acordou hoxe, 19 de decembro, unha ambiciosa lei para poñer freo ao plástico dun só uso nos Estados membro. Amigos da Terra considera que o texto acordado é un paso adiante para acabar coa contaminación por plástico, pero segue sen ser suficiente para afrontar a urxencia desta crise ambiental. A organización ecoloxista felicita á UE por ser a primeira rexión en introducir unha lexislación relativa á redución do uso de plástico dun só uso para atallar esta contaminación nos nosos campos, ríos e océanos. Con todo, o lobby da industria do plástico, apoiado por algúns gobernos estatais debilitou a proposta inicial da Comisión Europea.

As medidas adoptadas no texto inclúen os seguintes puntos:

• Prohibición de varios produtos de plástico dun só uso, como pratos, cubertos, palliñas, envases de comida e vasos de poliestireno expandido en 2021.

• Responsabilidade ampliada do produtor: asegurar que os fabricantes se encarguen da xestión dos residuos e as recollidas de residuos abandoados de plásticos dun só uso, incluíndo cabichas e aparellos de pesca.

Á súa vez, acordáronse outras medidas, que viron rebaixada a súa ambición desde a primeira proposta, e que non responden á gravidade da crise ambiental ocasionada polo plástico:

• Falta de obxectivos vinculantes para reducir o consumo de vasos e envases dun só uso de alimentos; os Estados Membros tampouco teñen a obrigación de establecelos.

• Atraso de catro anos no obxectivo de recoller selectivamente o 90% das botellas de plástico. No canto de establecerse en 2025 pasará a 2029, chegando previamente ao 77% en 2025 e obrigando que todas as botellas de bebidas sexan producidas cun 30% de contido reciclado en 2030.

“A nova Directiva é un significativo primeiro paso para frear a contaminación por plástico”, sinala Amigos da Terra, “con todo o seu impacto dependerá en gran medida da resposta que dean os gobernos nacionais que deberían implementar canto antes medidas que estean á altura para reducir o uso de produtos de plásticos desbotables, e asegurar que os fabricantes pagan pola contaminación que xeran”, conclúe.

As medidas a implementar para conseguir os obxectivos propostos pasan por establecer a recollida selectiva para diferentes tipoloxías de residuos, o que tamén significa que en 2024 todos os países terán que contar con sistemas de depósito para as botellas de plástico, as latas, e estudar a súa implantación para diferentes residuos.

Hoxe, 20 de Decembro, os Ministros Europeos de Medio Ambiente asinarán a Directiva acordada nas negociacións, e os Estados membro terán dous anos para transpoñela, polo que terá que poñerse en marcha, como tarde a principios de 2021. A cidadanía europea ansía o fin do modelo de consumo de usar e tirar, e os políticos teñen que responder a este reto. É inaceptable que os gobernos ignoren estas demandas. É o momento dunha transición europea cara aos produtos reutilizables e duradeiros.