Nestas datas nas que o consumo se dispara, gustaríanos compartir uns consellos para reducir, non só o plástico, senón os produtos de usar e tirar en xeral.

Para cambiar esta situación e coidar o noso planeta necesitamos ser conscientes das compras que facemos, e cantos residuos imos xerar a partir delas.

Unha máxima para ter sempre en conta: os produtos duradeiros e reutilizables sempre son a mellor opción.

Os agasallos

Imos empezar por ese momento no que xeramos máis residuos: os agasallos. Tanto co envoltorio, como coas caixas e envases, así como coa substitución dos produtos novos polos antigos, non só xeramos unha gran cantidade de residuos, senón que para fabricar eses agasallos extraeuse un bo número de recursos naturais. A lexislación xa limitou nos xoguetes a presenza de plásticos con ftalatos, un composto químico identificado como tóxico. Aínda así son mellores os xoguetes de madeira e metal. Para o envasado de agasallos, habería que seleccionar produtos con poucos plásticos e materiais de usar e tirar, e esixir aos fabricantes que os reduzan. Para a embalaxe existen opcións moi prácticas. Por exemplo teas bonitas ou caixas sólidas re-utilizables.

Doutra banda, tamén podemos optar por regalar produtos de segunda man, cada vez hai máis comercios deste tipo con obxectos realmente especiais, prácticos e bonitos. Nese caso sempre poderían consultar o noso directorio, Alargascencia.

Aínda así, a mellor opción é facer agasallos “non materiais”: unhas entradas ao teatro, masaxes, horas de canguro para que os pais e as nais teñan un intre de lecer, unha achega solidaria a algunha ONG… Desta maneira evitamos residuos nos envoltorios, nos produtos antigos substituídos por un novo obxecto e ademais reducimos a extracción de recursos naturais. Seguro que moitas persoas prefíreno!

Árbore de Nadal

Tamén durante estas datas, a metade da poboación mercará unha árbore de Nadal. O primeiro, como en cada acto de consumo, é ver se podemos re-aproveitar algún de anos anteriores, e, se non, este ano comprar unha árbore que nos poida durar máis tempo. Para iso a opción natural non é a máis convinte. Aínda que se poidan replantar, o cortalos e volvelos a plantar fai que morra unha gran cantidade de árbores. Hai moitas opcións similares, cada vez máis, e non só en plástico, en madeira ou distintos tecidos, que ademais de ser bonitos, son duradeiros. É preferible escoller estes materiais duradeiros, como madeira, tecidos…, e se se elixe plástico, que sexa de calidade suficiente para durar varios anos.

As Comidas

Outro momento no que producimos unha gran de residuos tamén é nas ceas e comidas destas festas. É necesario facer unha boa planificación das comidas estas datas, e por suposto aproveitalas os días posteriores ás datas sinaladas. É unha boa opción repartir sobras entre as persoas convidadas á comida ou a cea.

Non podemos deixar de mencionar os plásticos dun só uso que se queren retirar en 2021. Para recipientes alimentarios o mellor é a compra a granel, en mercado local e de tempada. Se non, o uso de envases reutilizables, bolsas de tea para o pan, tuppers para a carne e o peixe… Os vasos de plástico (de usar e tirar) non son necesarios. Sempre se poden utilizar os de vidro e os de plástico duro reutilizable en picnics ou festivais, algo que xa é bastante habitual. As palliñas non son necesarias, pero se por calquera cousa as necesitas hainas de metal moi prácticas, e se non de cartón prensado. Pásate ás cantimploras no canto de usar botellas de plástico; usa bolsas de tea no canto das de plástico, e como excepción, bolsas de papel.

O principal é ter en conta que as alternativas reutilizables son a mellor opción.

Por un mundo de baixo consumo no que tod@s saiamos gañando!