A Sociedade Galega de Ornitoloxía, Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Grupo Naturalista Habitat, Grupo Local SEO-Pontevedra, Verdegaia, Asociación Ecoloxista Anduxía, Amigos da Terra e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) solicítaronlle a Dirección Xeral de Patrimonio Natural a non autorización do proxecto de construción dunha tiroliña entre ambas marxes do rio Sil, na Ribeira Sacra.

As oito entidades presentaron recentemente un escrito ante a Consellería de Medio Ambiente, da Xunta de Galicia, no que informan dos valores ornitolóxicos da zona en que se pretende levar a cabo o citado proxecto e solicitando se avalíe o impacto dunha actuación deste tipo e se informe en consonancia ás Deputacións de Ourense e Lugo do inadecuado de dito proxecto na zona onde se pretende levar a cabo, e en consonancia non se autorice tal actuación.

Por outra parte, a recente declaración dunha ampla zona da Ribeira Sacra como zona BIC (Ben de Interes Cultural) por parte da Xunta de Galicia, a fin de impulsar súa integración na Lista de Patrimonio Mundial e a declaración como Reserva da Biosfera, amosan un gran contrasentido e total incompatibilidade coa instalación dunha tiroliña entre ambas marxes do río Sil, o supor unha degradación visual e paisaxística da Ribeira Sacra, poñendo en perigo dita inclusión da Ribeira Sacra nestes programas da UNESCO.

Axuntamos o escrito de alegacións contra a tiroliña na Ribeira Sacra,  recentemente enviado á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, informando así mesmo á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e ás Deputacións de Lugo e Ourense.