A lei Balear de residuos, aprobada onte no Parlamento, ten a redución de residuos como protagonista e é consecuencia de moitos meses de traballo e participación cidadá onde destaca o papel da plataforma “Per una mar sensa plastic” da que forma parte Amigos da Terra Baleares.

Celebramos a aprobación desta lei, que se posiciona como unha das máis ambiciosas de España e de Europa, e adiántase en moitas medidas á Directiva recentemente aprobada relativa aos plásticos dun só uso. A pesar da oposición que xerou o documento entre lobbys de envasadores e fabricantes de produtos de usar e tirar, estatais e europeos, a lei aprobouse con éxito e priorizando a protección ambiental e o residuo cero, fronte aos intereses e presións económicas.

Como medidas destacadas, establécese un obxectivo vinculante de redución do 10% en 2021, con respecto aos residuos xerados en 2010 e do 20% en 2030. Para acadar estes obxectivos, a lei propón a prohibición en dous anos dos principais produtos de plástico dun só uso como bolsas, envases, cápsulas de café, palliñas ou toalliñas. Ademais establece obxectivos de preparación para a reutilización, do 3% para 2025 e 5% para 2030 e deixa a porta aberta á reintrodución do Sistema de Depósito para os envases de bebidas.

Tamén é relevante a prohibición de produtos con microplásticos e nanoplásticos, así como os modelos non reutilizables ou recargables de chisqueiros, coitelas de afeitar, cartuchos e tóners de impresoras.

Outro elemento crave da lei, é a responsabilidade ampliada do produtor, xa que a lei establece a obrigatoriedade de cubrir o 100% dos custos de recollida e xestión por parte dos produtores, e esixe a transparencia dos produtos postos no mercado.

Con este documento aprobado, agora é o momento de iniciar a posta en marcha das súas medidas, para avanzar cara ao residuo cero, e reducir a elevada cantidade de plástico que afecta ao Mediterráneo, e outros mares e océanos. Esta lei deberá ser un exemplo para seguir polo resto de Comunidades Autónomas, e mesmo para as futuras normativas estatais, de maneira que a xeración e xestión de residuos no país poida cambiar a súa dinámica actual, e consíganse menores cifras de xeración de residuos e maiores porcentaxes de reutilización e reciclaxe, para dar así cumprimento ás Directivas Europeas, e reducir a problemática causada por incineradoras e vertedoiros no país.

Desde Amigos da Terra espérase que este tipo de normativas non sexan excepcionais e noticia, senón que sexan as que predominen en todo o Estado, e así poidamos avanzar cara ao necesario residuo cero.