A primeira clasificación dos países da UE en función do seu nivel de pobreza enerxética revela uns niveis especialmente elevados no sur e no leste de Europa.

Un novo estudo pioneiro de Open Exp publicado hoxe (20 de febreiro) pola Coalición Europea polo Dereito á Enerxía, da que forma parte Amigos da Terra, revela que a maioría dos países da UE teñen niveis significativos de pobreza enerxética e son incapaces de quentar a todos os seus habitantes este inverno.

A primeira clasificación deste tipo a escala da UE mostra unha maior prevalencia da pobreza enerxética nos Estados membros do sur e o leste da UE. Bulgaria é o país que peores resultados obtén en catro indicadores clave: fogares húmidos e con fugas, altos custos de enerxía para as familias, incapacidade para quentar os fogares durante o inverno e incapacidade para mantelos frescos no verán. Suecia e Finlandia figuran entre os países con mellores resultados.

Principais resultados do estudo de pobreza enerxética:

● A maioría dos países da UE, 17, teñen niveis significativos de pobreza enerxética;
● A proporción do orzamento familiar que os fogares dedican á enerxía está a aumentar en Europa, especialmente para as familias de renda baixa para as que o gasto aumentou un 33% entre os anos 2000 e 2014.
● Existe unha clara división entre os países de Europa occidental e do norte por unha banda, e os países de Europa do sur e do leste, por outro;
● Os niveis altos de pobreza enerxética dependen máis de factores socioeconómicos que do clima;
● Os países cun alto PIB per cápita e unha normativa estrita en materia de construción mostran niveis máis baixos de pobreza enerxética;
● Os países con peores resultados enfróntanse á pobreza enerxética tanto no inverno como no verán.

Falta de acción política

Con todo, o estudo revela unha falta de acción política á hora de abordar a pobreza enerxética: Grecia foi o único Estado membro da UE que incluíu un obxectivo de pobreza enerxética no seu proxecto de Plan Nacional de Enerxía e Clima; ademais os plans nacionais de eficiencia enerxética non lograrán alcanzar o obxectivo acordado da UE do 32,5% para 2030.

Esta clasificación, baseada en datos proporcionados por Eurostat, utiliza un índice composto de catro indicadores que permite por primeira vez unha comparación exhaustiva dos niveis de pobreza enerxética entre os diferentes países, tendo en conta as súas causas e síntomas. Este enfoque único podería utilizarse para medir os avances dos Estados membros en materia de pobreza enerxética no marco da nova lexislación enerxética da UE.

O ano pasado, grazas aos esforzos en sensibilización sobre a pobreza enerxética, conseguiuse que fose obrigatorio medir a pobreza enerxética e tomar medidas para reducila dentro do paquete enerxético da UE para 2030. Con todo, a coalición polo Dereito á Enerxía insta a que se establezan plans de acción nacionais en todos os Estados membros da UE, así como unha prohibición das desconexións para protexer aos fogares máis vulnerables.

 

Podes ler o informe completo aquí