Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF compartimos os principios do ecofeminismo, un movemento onde conflúen o ecoloxismo e o feminismo.

A mirada ecofeminista destaca que a actual situación de crise ecolóxica e crise dos coidados, pon en perigo  nosa propia supervivencia como especie e tamén a do planeta.

Sinalamos que o sistema económico actual invisibiliza os traballos de coidados realizado principalmente por mulleres e os servizos dos ecosistemas. Traballos necesarios para o mantemento e reprodución da vida.

Simbiose feminismo-ecoloxismo

A desigualdade de xénero tamén ten as súas manifestacións no terreo ambiental. As mulleres sofren con maior intensidade a pobreza enerxética (o 26 % das maiores de 65 anos gasta máis do 12 % do seu orzamento en enerxía), supoñen o 80 % dos refuxiados climáticos (a pesar de ter unha menor pegada de carbono) e son máis vulnerables nas inundacións, ondas de frío ou de calor.

As mulleres sofren de maneira especial os efectos de tóxicos en moitos produtos de limpeza ou cosméticos, moitos dos cales son disruptores endócrinos (vinculados a enfermidades como a endometriose, a fibromialxia ou o cancro de mama). E ademais dedican máis do dobre do seu tempo ao traballo non remunerado de coidados que os homes, sufrindo en moitos casos dobres xornadas de ocupación.

Todo isto súmase a unha educación que non rompe con roles sexistas, a unha brecha salarial inaceptable, unha menor contía das pensións e unha maior precariedade laboral.

Por todo iso, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF compartimos os principios do ecofeminismo. A simbiose entre feminismo e ecoloxismo permite visibilizar e denunciar conxuntamente as reivindicacións de igualdade de xénero coa sobreexplotación e o dominio da natureza nun modelo económico insustentable.

A forza ecofeminista

As principais organizacións ambientais españolas defendemos que o ecofeminismo conta cunha gran forza transformadora e de emancipación social, que achega solidez e consistencia aos movementos ecoloxistas e feministas. De maneira illada quedarían cernados nas súas formulacións. É necesario denunciar a transcendencia que a actuación humana ten sobre os ecosistemas. Tamén é necesario analizar como nos afectan os distintos sistemas de opresión, non só ás mulleres senón á poboación máis vulnerable.

Faise necesario construír unha nova cultura da igualdade e da sustentabilidade que ofreza unha alternativa xusta e defendible fronte ás políticas desarrollistas. Ditas políticas tiveron como resultado a situación de emerxencia social e ambiental actual.

Por todo iso, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/Birdlife e WWF apoiamos as reivindicacións do movemento feminista neste 8 de marzo.