En Galicia, en colaboración cos concellos de Vilaboa e Barro (Pontevedra), a Deputación de Pontevedra e contando coa participación dun grupo de familias voluntarias deses municipios, púxose en marcha o proxecto “Aplicación de compost procedente de residuos municipais a chans agrícolas e pastos”, para poñer de manifesto os beneficios do uso de compost na adaptación e mitigación do cambio climático.

Amigos da Terra Galicia estivo moi presente nestes proxectos: desde a miniplanta de compostaxe do Monte do Cabalo e a compostaxe doméstica no municipio de Vilaboa, ata os compostadores comunitarios do Municipio de Barro.

A Deputación de Pontevedra, a traveś do seu plan Revitaliza do que Amigos da Terra forma parte, xestiona o centro socio-asistencial de Príncipe Felipe, unha illa de probas de compostaxe, na que se conseguiu o chamado “residuo cero” grazas á instalación de varios centros de compostaxe comunitaria todos os residuos orgánicos que se xeran son tratados en dous composteiros. Ningún resto de comida ou vexetal sae deste círculo para unha xestión externa.

Ademais, as podas de árbores e outros elementos leñosos do centro serve como estructurante para a compostaxe, obténdose un produto de calidade máxima. Este utilízase agora como fertilizante para os xardíns e as hortas urbanas do centro.  Ao facer compost con estes restos non é necesario comprar fertilizantes nin substratos, xa que o obtido a parte de ser de gran valor ambiental, ten custo cero e é de gran calidade.

Outra das vantaxes de establecer a compostaxe en Príncipe Felipe foi a mellora da recollida selectiva das demais fraccións: a separación correcta do lixo orgánico e do resto de residuos. Trátase do único centro destas características en todo o territorio español que está a xestionar deste xeito o seu lixo, cumprindo dabondo os parámetros que a Unión Europea marca para 2020. Este centro non só chega ao 50 % de reciclaxe, senón que rolda o 80 %.

Demostrouse, así, que calquera núcleo de poboación –concello, entidade local, barrio…– pode alcanzar moi facilmente o obxectivo de utilizar a compostaxe como sistema de xestión.

Unha vez recollido e tratado o compost procedente dos tres puntos, aplicouse en diferentes sitios. Desde un invernadoiro familiar en Pontevedra, ata dous viñedos en Vilaboa e Barro, pasando por unha plantación de maceiras en Pontevedra e dúas hortas, unha familiar en Barro e outra escolar en Vilaboa.

En accións de compostaxe individual, contamos coa opinión de Pepe e Marisa, que teñen desde fai máis dun ano o seu composteiro individual na horta da súa casa en Vilaboa. Aseguran que compostar non dá traballo ningún, non orixina molestias e supón un beneficio para toda a cidadanía.

*** Esta horta forma parte da investigación que agrupa a análise de compost e a súa aplicación, para coñecer a súa contribución na adaptación ao cambio climático, en territorios con condicións e características moi diferentes. A investigación conta co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través da Fundación Biodiversidad.