A finais do 2018 Amigos da Terra cumpría anos e este aniversario é especial porque celebramos 20 anos de loita na defensa do medio ambiente, de propostas para camiñar cara un mundo máis xusto, de traballo por mellorar e ser unha organización cada vez máis forte e transformadora.

Queremos celebrar o vindeiro domingo 24 de marzo este longo percorrido en prol da defensa do medio ambiente. Celebrar tamén para coller folgos para os numerosos retos que aínda temos por diante.

Foron moitas as persoas socias, voluntarias locais e europeas, contratadas, colaboradoras, activistas, que contribuíchedes e contribuídes á nosa misión, fomentar un cambio local e global cara unha sociedade respectuosa co medio ambiente, xusta e solidaria.

Así que se algunha vez fuches unha amiga da terra, sentes que podes selo ou quererías selo, ven e celébrao con nós!!

 

Para elo queremos convidarvos a visitar iniciativas moi interesantes que se están levando a cabo no rural, concretamente en Friol.

Programa de actividades

11:00 Visita ao Monte Veciñal en Man Común de Carballo
Quedaremos nun dos accesos do monte para coñecer este proxecto silvopastoral, que a través do manexo de dúas razas autóctonas como o cabalo de raza galega e o porco celta controlan a vexetación a modo de prevención dos lumes forestais. Ademais de producir madeira, mel e cogomelos con certificación ecolóxica.

13:00 Visita á explotación ecolóxica ovina Casa Armada
Achegarémonos ao lugar de A Armada para coñecer a unha das explotacións que comercializan a marca “Pastores de Galicia” de OVICA, un proxecto de gandería en extensivo de aposta pola valorización do medio rural.

14:30 Xantar
Prezo 10€ (máis o que cada quen queira achegar). A asociación asumirá unha parte do custe do xantar.

16:00 Ruta pola ribeira do río Narla
Faremos unha rutiña fácil e apta para as máis cativas pola ribeira do río en Friol.
A súa duración estimada será dunha hora e media.

Para poder coordinar a actividade é necesario inscribirse https://goo.gl/forms/orJk6BgY8zpYT75Y2

o formulario pecharase o mércores 20 ao mediodía, e unha vez saibamos quen pode ir e como, se vos contactará para coordinar os desprazamentos e as actividades.