Desde Amigos da Terra reclamamos medidas que favorezan a redución do consumo de carne e unha gandaría respectuosa co medio ambiente.

A Unión Europea planea reducir a dependencia das importacións de soia de Latinoamérica expandindo o monocultivo en Europa do Leste.


A organización denuncia os plans de expansión da soia no seu informe, “Alerta Soia: O cultivo de soia para alimentar ao gando chega a Europa. Trasladar o problema non é a solución”.

 

O elevado consumo actual de carne na UE require de grandes cantidades de penso producido a partir de soia para alimentar ao gando. Esta situación está a provocar que xurdan iniciativas para cultivar soia en Europa. Amigos da Terra, que leva anos denunciando a expansión destes monocultivos en América Latina, fai un chamamento aos Estados Membro para reducir a demanda de carne na UE e pór freo á gandaría industrial dependente da soia tanto en Sudamérica como en Europa, tal e como reclama no seu informe.

A UE é un dos principais consumidores do mundo de carne e produtos de orixe animal, cunha demanda anual por cabeza de 68,8 kg en 2017. Ademais do consumo interno, a exportación de carne a terceiros países, principalmente porco e pito, é un lucrativo negocio para as grandes empresas cárnicas da UE. O consumo actual de carne barata producida en explotacións industriais é moi elevado e as súas consecuencias negativas para o medioambiente e a saúde humana son irrefutables.

A alimentación dunha gandaría desmesurada e desvinculada da terra depende da importación cada ano de 17 millóns de toneladas de soia procedentes de Brasil, Arxentina e Paraguai. A superficie cultivada de soia a nivel global triplicouse en apenas trinta anos, e, tal e como se recolle no estudo, prevese que alcance os 141 millóns de hectáreas en 2050 (tres veces a superficie de España) si o consumo de carne segue aumentado ao ritmo previsto.

A expansión da soia agrava o cambio climático

A expansión da soia provocou a perda de millóns de hectáreas de selva, sabana e pradaría, destruíndo comunidades, biodiversidade e ecosistemas, e contribuíndo de forma significativa ao cambio climático. Só en Paraguai, 129 líderes campesiños foron vítimas de execucións extraxudiciais desde o fin da ditadura en 1989, e cada ano 9.000 familias son desprazadas debido á expansión dos monocultivos de soia.

Mentres aumentan as importacións de soia, a superficie de leguminosas diminuíu drasticamente na UE. Con todo, xurdiron novas iniciativas para reducir a dependencia de soia exterior destinadas a fomentar a produción de proteína vexetal en Europa, que desde Amigos da Terra ven con preocupación.

Aínda que aínda é pequena, a produción de soia na UE creceu con rapidez nos últimos anos. En apenas oito anos, aumentou un 183,2 % e algúns dos axentes implicados na produción de soia europea son as grandes corporacións que levan décadas dedicadas á produción de soia en Latinoamérica.

Un dos axentes máis activos do mercado europeo, ADM, está a investir en plantas de procesaminto de soia; Cargill, un xigantesco comerciante de materias primas, investiu nos últimos anos en adquisicións en Europa Oriental (Romanía e Ucraína); Bunge, activo no sector de procesamento e prensado de aceites, está a construír plantas de procesamento nos Países Baixos e Francia.

Urxe protexer e promover unha agricultura e gandaría a pequena escala

Consideramos que a expansión do modelo de monocultivo de soia na agricultura supón unha nova ameaza para o modelo de agricultura a pequena escala e agroecolóxico que urxe protexer e promover. O proceso de concentración de terra e medios de produción nunhas poucas mans é moi acusado na UE. En 2013, tan só o 3 % das explotacións agrícolas eran donas de máis da metade do chan agrario.

É urxente que a Unión Europea cambie drasticamente a forma de producir alimentos. A produción gandeira industrial é paradigmática dun sistema agroalimentario ineficiente e inxusto. Nun contexto de crise climática, perda de biodiversidade e escaseza de auga as producións agroecolóxica diversificadas e de pequena escala son a mellor garantía para a alimentación do futuro.

***
(1) “Alerta Soia: O cultivo de soia para alimentar ao gando chega a Europa. Trasladar o problema non é a solución”.