Actualmente estase a traballar dende a Xunta de Galicia na nova Lei de residuos e solos contaminados de Galicia; un marco normativo que debería pretender a xestión sustentable de residuos, así como unha ferramenta xurídica para dar un xiro cara o novo paradigma europeo e mundial da economía circular.

A xeración de residuos en Galicia ten que diminuir e os residuos que se xeren, deben deixar de ser un residuo para convertirse nun recurso.

Debe ser fundamental rachar coa dinámica centralizadora da xestión de residuos en Galicia na que a maioría do lixo galego viaxa longas distancias polo noso territorio para rematar incinerado (na súa maior parte) ou depositado nun macrovertedoiro no concello de Cerceda, agravando así enormemente os efectos do cambio climático e o despilfarro de recursos.

É entón obrigado (por imperativo legal) avanzarmos cara unha xestión descentralizada dos residuos:

  • Que respecte o principio de proximidade

  • Que priorice o principio de precaución.

  • Que asegure a protección ambiental , a saude das persoas e a protección dos recursos.

– Que estea adaptada á nosa organización territorial

– Que minimize o gasto enerxético e as emisións contaminantes asociadas ao transporte.

– Que sexa flexíble e viable.

– Que sexa xusta socialmente.

Dende Amigos da Terra sabemos que o éxito na implantación de calquera medida, especialmente no plano tan sensíble do medio ambiente, depende da colaboración e do grao de participación real da cidadanía. Por isto un aspecto fundamental debe ser o de priorizar os procesos de participación activa, a educación ambiental, a formación e a concienciación por parte das administracións que sexa constante e que consiga acadar un cambio de hábitos reais a todos os niveis e a todas as idades.

Para 2020, a Unión Europea marca como obxectivo alcanzar o 50 % na recollida selectiva dos residuos xerados. As consecuencias do incumprimento sempre son máis graves que o esforzo de alcanzar os obxectivos marcados, declara María Durán, responsable da área de Recursos Naturais e residuos de Amigos da Terra.

O primeiro gran reto para cumprir é a recollida selectiva obrigatoria e o tratamento diferenciado da materia orgánica, que supón, en peso, un 40 % máis ou menos da fracción resto. Xa hai municipios galegos con iniciativas moi ambiciosas postas en marcha (exemplo do pal Revitaliza de Pontevedra) e mancomunidades enteiras con recollida separada da materia orgánica para a súa compostaxe (Mancomunidade do Barbanza), pero iso aínda representa, en porcentaxe sobre o total galego, unha parte demasiado pequena.

Por iso, é impresncindible incorporar nesta lei a obrigatoriedade da recollida da materia orgánica, poténciar ao máximo a autocompostaxe e a calidade dos residuos , e marcar un límite máximo dun 5 % de impropios que asegure que o tratamento e por tanto o compost resultante sexa de calidade.

Dende este colectivo presentamos hoxe á xunta de Galicia as nosas alegacións, agardando que sexan tidas en consideración e integradas dentro do documento.

Pedimos á Xunta de Galicia que sexa responsable dunha vez por todas e transforme o actual texto nun documento ambicioso, que persiga a loita contra o cambio climático e aposte por unha economía circular real a través dunha ambiciosa Lei galega de residuos, declara María Durán.