A plataforma social presentou alegacións á proposta do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC), reclamando un calendario de peche obrigatorio das térmicas de carbón, a máis tardar, en 2025

A central de carbón das Pontes (Endesa) é unha das maiores fábricas de cambio climático da Unión Europea e a máis contaminante do Estado español.

A plataforma Galiza, un futuro sen carbón [1] reclama un PNIEC 2021-2030 que garanta o peche da central das Pontes e do resto de centrais de carbón españolas antes do fin de 2025. O abandono total do carbón e da enerxía nuclear en 2025 sería posíbel cun maior esforzo no despregue das enerxías renovábeis e no estímulo do aforro e a mellora da eficiencia enerxética.

O Goberno estatal renunciou a establecer un calendario de peche obrigatorio das centrais de carbón, cedendo así ás presións, entre outros, de Endesa, da Xunta ou do propio PSdG. O Goberno central non vai pechar ningunha térmica de carbón. Simplemente prevé a redución da capacidade de produción eléctrica con carbón até 0-1,3 GW (xigavatios) de potencia en 2030. A causa sería a posíbel evolución do prezo da tonelada de dióxido de carbono (CO2) no mercado europeo de emisións. Con todo, segundo a previsión gobernamental, en 2025 aínda estarían operativas 6 centrais, cunha potencia total de 4,5 GW.

A central de carbón de Meirama (Naturgy) pechará en 2020, mais Endesa pretende prorrogar a vida da das Pontes até a década de 2040. É a maior de España, con 1,4 GW de potencia. Tamén é unha das maiores fábricas europeas de cambio climático. En 2018 foi a 17º industria de toda a UE con maior impacto climático, ao lanzar á atmosfera 7,9 millóns de toneladas de CO2 causante de cambio climático. Emite máis CO2 que todo o tráfico de vehículos en Galiza [2]. As obras ás que esta a ser sometida reducirán as súas emisións tóxicas (SOX, NOX, partículas) a partir de 2020, mais non as de CO2, inherentes á queima de carbón. Polo tanto, seguirá a ser unha enorme fábrica de cambio climático.

Atrasar innecesariamente o peche das térmicas de carbón máis alá de 2025 contribúe a rebaixar a ambición climática do PNIEC, que non está en liña co obxectivo de limitar o aumento da temperatura media global a 1,5ºC, como indican os Acordos de París. No caso da central de carbón das Pontes, dado que está formada por catro grupos de potencia practicamente igual, sería factíbel o seu peche paulatino ao longo da primeira metade da próxima década.

O documento coas observacións da plataforma á proposta de PNIEC pódese consultar nesta ligazón.

NOTAS
[1] A plataforma Galiza, un Futuro Sen Carbón é o nodo galego da plataforma Un futuro sen carbón/Europe Beyond Coal. Está formada por
ADEGA, Amigos da Terra, ANABAM, APDR, Arquitectura sen Fronteiras, Ecoar Global, Ecoloxistas en Acción, Feitoría Verde, Ghichas comando (Val Miñor), Greenpeace, Nosa Enerxía, Petón do Lobo, Plataforma contra a mina de Touro-O Pino e Verdegaia.

[2] Segundo os máis recentes datos oficiais do Ministerio para a Transición Enerxética desglosados por sectores de actividade, referidos ao ano 2016, todo o sector do transporte en Galicia emitiu 5.789.340 toneladas de gases de invernadoiro (expresados como CO2eq.). Despois do eléctrico, é o segundo do noso país con maiores emisións.