O 26 de maio ademais das eleccións municipais serán as europeas. Estas últimas, tradicionalmente consideradas como menos importantes e con moita menos participación, serán unhas eleccións críticas para o futuro de Europa. A composición do próximo Parlamento terá repercusións en todas as cuestións nas que traballamos, desde o cambio climático ata as relacións comerciais, dende a alimentación ata a natureza. Así como implicacións máis amplas para o bo funcionamento da democracia, o incremento da desigualdade, a protección dos nosos datos persoais ou o peche das fronteiras.

Aproveitando este momento iniciaremos unha campaña para chamar a participación na construción dunha Europa máis social, máis xusta. Esta consistirá nas seguintes actividades:

ACCIÓN DE RÚA

XOVES / 9  MAIO / VIGO

Dende as 17:00 activistas de Amigos da Terra estaremos na Praza da Constitución intercambiando ideas sobre que clase de Europa queremos.

Dunha forma amena achegaremos á xente as nosas propostas para ter unha Europa que se base en valores fundamentais como a democracia, a transparencia, a xustiza social e ambiental, os dereitos humanos, o estado de dereito, a igualdade e a solidariedade.

Tamén animaremos á participar na mesa redonda e coloquio que se celebrará a continuación.

MESA REDONDA E COLOQUIO

XOVES / 9  MAIO / VIGO

Ás 19:00 h terá lugar unha mesa redonda de distintos colectivos da sociedade civil galega onde reflexionarán sobre que implicacións teñen as decisións tomadas no Parlamento Europeo e cal é a Europa que queren dentro do seu ámbito de actuación (dereitos humanos, xénero, políticas agrarias, territorio, migración, acordos comerciais, medio ambiente)

CAMPAÑA REDES SOCIAIS

A través de vídeos curtos algúns en claves de humor outros en formato entrevista chamaremos á participación da xente para construír xuntas a Europa que queremos.

 

Se che preocupa o auxe dos partidos de extrema dereita (os cales poderían constituír unha cuarta parte das últimas proxeccións do Parlamento), a vulneración dos dereitos humanos, a xustiza social e ambiental… participa!!!