A Plataforma Intergobernamental, Científica e Política sobre Biodiversidade e Servizos Ecosistémicos ( IPBES) presentou a investigación científica máis completa e rigorosa sobre os ecosistemas, feita ata a data, tras a reunión de expertos da ONU que culminaba hoxe en París. O IPBES sinala as principais causas da crise ambiental mundial, así como os axentes implicados na mesma, e reclama cambios urxentes no sistema.

O IPBES publica a avaliación científica máis exhaustiva sobre a situación actual da biodiversidade e os ecosistemas. Os científicos alertan sobre a necesidade de emprender accións radicais para cambiar o sistema socioeconómico ou, pola contra, a humanidade terá que enfrontarse ao colapso ecolóxico e a extinción masiva de especies.

O informe mostra de forma categórica o estado deplorable no que se atopan os ecosistemas, e apunta á actividade humana como a causa principal das alteracións da natureza en gran parte do mundo. Sen dúbida, hoxe hai máis especies en perigo de extinción, máis dun millón, que en ningún outro momento da historia humana.

O informe presenta argumentos convincentes a favor da necesidade dun “cambio transformador” das estruturas financeiras, sociais e económicas a nivel mundial. Á súa vez, sinala acertadamente aos principais sectores responsables da devastación actual: a gandería, agricultura e pesca industriais, as grandes infraestruturas, a minería, a extracción de combustibles, a talla, as plantacións e a biomasa a gran escala, xunto co crecemento “ilimitado” e o consumo exacerbado. Un modelo baseado no beneficio duns poucos, mentres multiplica a pobreza, os conflitos e a deterioración ambiental para a maioría da poboación.

 

Lamentablemente, a pesar das súas fortalezas, o informe non profunda o suficiente poñendo nome e apelidos aos culpables da crise social e ambiental. O informe é audaz e implacable cando describe os axentes responsables do colapso da biodiversidade, pero para enfrontar a eses axentes temos que nomealos e confrontar aos actores e estruturas de poder que os sosteñen, especialmente as multinacionais que o alimentan. Hai evidencias abafadoras do seu papel central na destrución do medioambiente, os dereitos da xente e a democracia.

Na avaliación sinálase acertadamente á gandería e agricultura a gran escala como unhas dos principais culpables da deterioración socioambiental. Con todo non recoñece que o sistema agroalimentario, totalmente inviable social e ecoloxicamente, nin sequera é capaz de alimentar á poboación, mentres destrúe o mundo e provoca incontables conflitos sociais. E é que a gandería industrial, que emprega un 80% dos terreos agrícolas para alimentar ao gando, é tamén responsable da deforestación do 70% do Amazonas.

A plataforma de científicos confirma o papel crave que desempeña a agroecoloxía na transformación dos sistemas alimentarios, pero non profunda detallando que ese cambio implica tamén un traspaso de control dunhas poucas empresas a mans campesiñas. A agroecoloxía esixe transformacións sociais, ecolóxicas, económicas e culturais que rompen co control que exercen agora mesmo as multinacionais do sector. Isto implica rexeitar as falsas solucións como a “intensificación sustentable”, que inclúe cultivos transxénicos e o seu paquete de pesticidas e fertilizantes.

Os pobos indíxenas e as comunidades locais son recoñecidos como exemplos a seguir na protección da biodiversidade. “A conservación comunitaria ha demostrado ser igualmente ou máis eficaz para evitar a perda de hábitat que as áreas protexidas formalmente establecidas, e os pobos indíxenas e as comunidades locais han probado claramente que xogan un papel positivo de neutralización da deforestación”. A publicación tamén recolle e confirma que polo menos 1.000 persoas foron asasinadas defendendo os seus territorios entre 2002 e 2013.

Recibimos de bo grado o feito que este informe é o primeiro do seu tipo que fai énfase en problemas estruturais, que examina sistematicamente e inclúe os coñecementos, temas e prioridades dos pobos indíxenas e as comunidades locais, á vez que reclama cambios radicais. Cambiar o noso sistema é o único que pode evitar o colapso ecolóxico. Isto só pode lograrse descentralizando as actividades socioeconómicas, incluída a agroecoloxía, a pesca a pequena escala e a enerxía comunitaria. En particular, os Pobos Indíxenas e as comunidades locais deben gozar de soberanía para xestionar os seus territorios, mesmo declarar os seus territorios libres de proxectos extractivistas.

 

Desde Amigos da Terra defenderemos activamente estes postulados no proceso posterior a 2020, que definirá as políticas en materia de biodiversidade para a próxima década no seo do Convenio sobre a Diversidade Biolóxica, a CMNUCC e o Comité de Seguridade Alimentaria Mundial da ONU.