Na actualidade, a forma na que producimos os nosos alimentos require de gran cantidade de recursos, tanto para a súa fabricación como para o seu transporte ou embalaxe. Estes impactos sobre a nosa contorna son aínda maiores á hora de producir carne a través da gandería industrial. Por iso dicimos alto e claro Stop Gandería Industrial.

A gandería industrial caracterízase pola concentración dun gran número de animais en naves cun espazo moi reducido por animal, así como pola cantidade de terras que deben cultivarse para alimentar ao gando. Este modelo de industria, que converte aos animais en mercadoría, ten consecuencias nefastas para o medio ambiente e a poboación, tanto rural como urbana.

Os impactos da gandería industrial resultan abafadores; é unha das principais causantes do cambio climático, así como do acaparamento de terras. É responsable de 14,5% das emisións de gases de efecto invernadoiro producidas, o que equivale a todas as emisións do transporte global. Á súa vez, leva o acaparamento e a deforestación de millóns de hectáreas que posteriormente son utilizadas para a produción de pensos, coa consecuente perda de biodiversidade e expulsión de comunidades das súas terras.

Para a produción industrial da carne son necesarias grandes cantidades de petróleo, tanto para a súa produción como para o transporte. Ademais, a gandería industrial é tamén responsable da destrución de emprego no campo e, por tanto, do despoboamento en zonas rurais.

Unímonos nunha plataforma estatal contra a gandería industrial

A proliferación de macro-explotacións gandeiras no Estado está a xerar un amplo movemento cidadán en contra da gandería industrial. A contaminación que provoca este tipo de instalacións, tanto de terras como de acuíferos e do aire, é unha das principais preocupacións da poboación. Así, unímonos máis de 30 plataformas e organizacións para crear a Coordinadora Estatal Stop Gandería Industrial.

Desde Amigos da Terra loitamos por unha gandería local, respectuosa coas persoas e a contorna, coñecida como gandería extensiva. Un modelo que fortalece o noso mundo rural, a nosa biodiversidade e alimenta ás persoas dunha forma sa. A gandería industrial fomenta un sistema alimentario que non alimenta ás persoas, senón que contribúe ao cambio climático, ao sufrimento dos animais e as violacións dos dereitos humanos, a través do acaparamento das terras, contaminación e saqueo dos recursos naturais.