Na II Edición da Deseucaliptización Simultánea de Galicia, convocada pola rede a prol do bosque galego “Cousa de Raíces”, realizaranse 15 accións de eliminación de especies forestais exóticas invasoras, nomeadamente, de eucaliptos, acacias e mimosas. Estas actuacións estarán organizadas, á súa vez, por 25 entidades, entre o 1 e o 15 de xuño, para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente. Desde Cousa de Raíces animamos a sociedade galega  a participar activamente nestas xornadas de eliminación de invasoras co fin de contribuír ao cambio cara un monte sustentable e demostrar que outra xestión forestal é posible!

Dende Amigos da Terra xunto ca asociación Vergasta e a Comunidade de Montes en Man Común de Tourón (Melón) unímonos a proposta de deseucaliptación simultánea proposta por Cousas de Raíces.

A nosa participación será o domingo 9 de xuño na localidade de Tourón (Melón) eliminando eucaliptos e outras prantas invasoras en horario de 10:30 a 14:30 continuando con esta labor na mesma zona onde levamos xa máis dun ano traballando.

Co gallo de que se conmemora o Día Mundial do Medio Ambiente, 5 de xuño, unímonos de novo a rede de entidades a prol do bosque galego para visibilizar que existe unha gran parte da sociedade que rexeita o modelo forestal actual e polo que segue a apostar o goberno da Xunta, e a vontade de procurar entre todas un monte diverso, multifuncional e sostible no que estea desterrado o monocultivo de eucalipto e a presenza doutras especies invasoras.

Polo tanto, como sempre, se estás interesada en botar unha man é necesario inscribirse no seguinte formulario (antes do vernes ao mediodía): https://forms.gle/hEz4oMu1A9pgmQWVA

ACCIÓNS POR TODA GALICIA

Unhas 25 entidades de carácter ecoloxista, cultural, veciñais e comunidades de montes responderon á segunda convocatoria de Cousa de Raíces para realizar unha eliminación simultánea de especies exóticas invasoras, desta volta, con motivo da celebración do Día do Medio Ambiente. O obxectivo desta II Deseucaliptización Simultánea é resaltar os efectos negativos das especies exóticas invasoras nos montes galegos, nomeadamente os eucaliptos e as acacias ou mimosas, e reivindicar outra forma de xestión forestal do monte, onde primen as especies forestais autóctonas, se preserve a biodiversidade, se diversifiquen as funcionalidades do monte e onde haxa un ordenamento real do territorio. Cabe lembrar que as especies exóticas invasoras erosionan o solo, desprazan as especies propias, favorecen os lumes forestais, afectan os recursos fluviais ou alteran a paisaxe, entre outras consecuencias ambientais, alén de xerar elevados custos económicos para a comunidade de propietarios/as.

O ciclo de actuacións comezará mañá sábado, 1 de xuño, no Monte de Fornelos de Monfero e rematará o vindeiro 15 de xuño en Vigo, no Monte da Guía, sumando en total 15 saídas deseucaliptizadoras e/ou desacacializadoras repartidas nas catro provincias galegas. Pontevedra volve ser a provincia con maior número de accións, 7 en total, 2 delas en Vigo,  e as outras en Lourizán, Moaña, Gondomar, Pontecaldelas e Cerdedo-Cotobade. Na provincia da Coruña convócanse 5 accións de eliminación en montes dos concellos de Ferrol, Monfero, Corcubión, Lousame e Rianxo. Ourense acolle dúas actuacións nos montes de Cenlle e Melón e, en Lugo, acudirase a Ramil (Palas de Rei).

Grande parte das actuacións consistirán na eliminación de tocóns e rebrotes de eucaliptos e acacias que rexurdiron tras os lumes de outubro de 2017, así como traballos que darán continuidade aos xa iniciados na primeira edición de eliminación simultánea convocada por Cousa de Raíces hai dous meses. Tamén se abordarán traballos en lugares con presenza de hábitats naturais prioritarios, como é o caso da que se vai desenvolver no Parque Natural da Fragas do Eume pola asociación de custodia Bétula, ou na de Froxán, en Lousame. Nalgúns casos, as accións completaranse con repoboacións de especies forestais autóctonas.

A xornada máis prolífica desta convocatoria será o sábado, 8 de xuño, con 9 accións de eliminación, aínda que tamén se suman á celebración mundial do Medio Ambiente a través dunha deseucaliptización simultánea outras 5 iniciativas, repartidas entre os días  1, 5, 7, 9 e 15 de xuño.

As entidades que nesta ocasión acudiron ao chamado de Cousa de Raíces: ADEGA, Couto da Eirexiña, Comando Ghichas, ,As Brigadas deseucaliptizadoras, Verdegaia, Montescola, A Rente do Chan-Pladever, Arlequín (MonTeis), Voces polo litoral de Teis, APDR, Bétula, Amigos da Terra, Asociación Vergasta, Boca do Sapo, Fundación Eira; os colectivos veciñais de Lentille, Tirán, A Movemento veciñal Fousas ao Monte; e, as comunidades de montes veciñais en man común de Tourón (Melón), O Fieitoso (Rianxo), Teis (Vigo), Lourizán (Pontevedra),  Froxán (Lousame) e Rebordelo (Cercedo-Cotobade).

Cousa de Raíces ofrecerá proximamente os resultados da II Deseucalptización Simultánea que na primeira edición acadou a eliminación de máis de 200.000 pés de eucaliptos e acacias.

PARTICIPA NA DESEUCALIPTIZACIÓN SIMULTÁNEA DE COUSA DE RAÍCES

Pódeste incribir previamente en calquera destas accións de deseucaliptización e eliminación de especies exóticas invasoras, contactando coas entidades promotoras de cada unha delas a través dos teléfonos e dos emails que se sinalan no mapa de actuacións e na seguinte Táboa deseucaliptizacion simultanea 2019 (II).

Cartaz II Deseucaliptización Simultánea

 

Anímate a deseucaliptizar o país!!!