A Comisión Europea presentou onte a análise dos plans nacionais integrados de clima e enerxía para o próximos dez anos: confírmase que a clase política non se toma en serio a crise climática. Está claro que os Plans Nacionais de Clima e Enerxía gáñanse o suspenso.

Os Estados membro teñen até final de ano para propor as medidas que respondan a uns obxectivos de clima e enerxía xa de seu inadecuados.

Consideramos que para asegurar a participación cidadá na transición enerxética será preciso incluír sub-obxectivos específicos de enerxía comunitaria e pobreza enerxética.

De acordo co novo Regulamento de Gobernanza incluído no Paquete europeo de Enerxía Limpa, os diferentes países tiñan a obrigación de presentar á Comisión Europea a finais de 2018 os seus Plans Integrados de Clima e Enerxía. Nalgúns casos, como o de España, o documento presentouse con meses de atraso. A finalidade destes borradores era facer unha primeira valoración sobre o compromiso de cada unha das partes europeas en materia de clima e enerxía, tendo en conta os obxectivos adquiridos previamente e o propio Acordo de París.

Con todo, unha primeira valoración dos mesmos confirma que a clase dirixente dos 27 Estados membro que o presentaron (Reino Unido abstívose), seguen sen tomarse en serio nin o actual momento de emerxencia climática, nin os miles de voces de mozas que están a tomar as rúas e prazas de toda Europa semana tras semana.

A menos que haxa melloras substanciais de aquí a finais de ano, os obxectivos acordados como o de penetración de renovables ou eficiencia enerxética serán inalcanzables. Amigos da Terra xa criticou duramente que un 32% en renovables para 2030 era un obxectivo insuficiente, e aínda así a suma dos plans queda a dous puntos desa cifra. Aínda máis pobre é a suma de esforzos en materia de redución do uso enerxético, que nalgúns casos está seis puntos por baixo do 32,5% acordado en Trílogo o ano pasado.

Enerxía Comunitaria

Desde Amigos da Terra analizamos os borradores en busca de medidas concretas para o desenvolvemento da enerxía comunitaria en Europa; unha vez aprobado o dereito a producir, consumir, almacenar e vender enerxía por parte da cidadanía, xa sexa de maneira individual ou colectiva. Con todo, soamente as propostas de Escocia, Grecia e Países Baixos parecen contemplala na novo paradigma enerxético. España, así como o resto de países, debería fixar un sub-obxectivo que servise para asegurar o rol activo da cidadanía no sistema enerxético local e estatal.

A cidadanía europea debería estar no epicentro da revolución enerxética e, con todo, está a perderse unha oportunidade de ouro para iso. Neste caso, debemos tomar como referencia ao país grego, tamén moi dependente enerxéticamente do exterior, e pór en marcha medidas que sirvan para democratizar o sistema enerxético.

Pobreza Enerxética

Pola súa banda, a Comisión convidou aos Estados membro a dar máis detalles sobre as medidas destinadas a paliar a pobreza enerxética que sofren cada ano millóns de persoas. Para este fin, a organización propón incluír un obxectivo vinculante de redución anual de pobreza enerxética no novo borrador, e así o transmitirá na consulta pública que o Goberno de España está obrigado a facer durante os próximos meses.

Nun contexto de malgasto enerxético, en gran parte debido a un sistema de transmisión e distribución altamente ineficiente, non é de recibo que as empresas realicen cortes de luz ás persoas e colectivos máis vulnerables da nosa sociedade. Asegurar a cobertura básica enerxética para cada persoa, e traballar coas comunidades para mellorar a eficiencia enerxética nos seus fogares debería reflectirse no plan que o Goberno presente a Bruxelas a finais de ano.