En defensa do futuro, dun planeta vivo e dun mundo xusto, organizacións e colectivos da sociedade civil instamos á cidadanía a apoiar e sumarse á Folga Mundial polo Clima do próximo 27 de setembro.

As organizacións asinantes, entre as que se atopa Amigos da Terra, pedimos que se declare de maneira inmediata a emerxencia climática. Que se tomen as medidas concretas necesarias para reducir rapidamente a cero as emisións netas de gases de efecto invernadoiro.

As institucións, os Estados e as empresas deben escoitar á cidadanía e ás organizacións que esiximos un novo modelo socioecolóxico que non comprometa a supervivencia da vida tal e como a coñecemos.

Máis de 100 organizacións xa mostramos o noso apoio á convocatoria de Folga Mundial polo Clima do próximo 27 de setembro.

Informes

Os recentes informes sobre o estado da biodiversidade do IPBES, sinalan que preto dun millón de especies entre animais e plantas atópanse ao bordo da extinción como consecuencia das actividades humanas. Xunto co informe do IPCC sobre o incremento da temperatura media global en 1,5 ºC, alertan da deterioración dun gran número de ecosistemas, tanto terrestres como mariños, así como do punto de non retorno fronte ao cambio climático.

Crise Climática

A humanidade enfróntase a un dos seus maiores retos: a crise climática. Unha crise, consecuencia directa do modelo de produción extractivista e consumo globalizado actuais. Ponse así en risco a nosa propia supervivencia e a dun gran número doutras especies e ecosistemas e impacta de maneira inxusta especialmente nas poboacións máis empobrecidas e vulnerables do mundo. Non responder con suficiente rapidez e contundencia á emerxencia climática e civilizatoria suporía a morte e/ou o malvivir de millóns de persoas, ademais da extinción de moitas especies e, mesmo, de ecosistemas completos.

Os datos son contundentes e o tempo xoga na nosa contra. No caso da rexión mediterránea, na que se atopa a Península Ibérica e que é unha das máis vulnerables ante o cambio climático, se non se limita o incremento da temperatura media global en 1,5 ºC, as consecuencias para as xeracións presentes e futuras serán catastróficas. Ondas de calor máis intensas e prolongadas, secas recorrentes, desertificación, aumento dos fenómenos meteorolóxicos extremos, perda de biodiversidade, falta de dispoñibilidade de auga potable e terras fértiles, incendios máis virulentos, empobrecemento e aumento das desigualdades en calquera das súas expresións, etc. Por tanto, as diferentes institucións europeas, estatais, autonómicas e locais deben asumir a súa responsabilidade e estar á altura das necesidades que esixe este momento crucial da Historia. A loita contra a emerxencia climática non pode supeditarse a unha ideoloxía ou cor política, debe ser asumida por todos os partidos.

Folga Mundial polo Clima

Por todo iso, e en defensa do presente e do futuro, dun planeta vivo e dun mundo xusto, as persoas e colectivos asinantes sumámonos á convocatoria internacional de Folga Mundial polo Clima, do próximo 27 de setembro. Instamos a toda a sociedade (cidadanía, todos os actores sociais, ambientais e sindicais) a que se mobilice e sómese á convocatoria de Folga Mundial polo Clima, difundindo e participando nas accións que estamos a convocar, que iremos precisando e que tomarán moi diversas formas: manifestacións, folgas estudantís e de consumo, peches patronais de entidades comprometidas, mobilizacións nos centros de traballo e nas rúas, etc.

Un gran berro común e unitario na loita climática.

Enlace ao Manifesto