O pasado día 19 xa anunciabamos que o encoro das Conchas na zona de Portoquintela, no concello de Bande, rexistraba un considerable empeoramento da súa calidade da auga e contando coa presencia alarmante de cianobacterias, no que se producía un “bloom” de cianobacterias, que son favorecidas polas altas temperaturas, máis horas de luz solar e un exceso de nutrientes, principalmente nitratos provintes das explotacións gandeiras da comarca da Limia que son o caldo de cultivo perfecto para que proliferen as cianobacterias, e consecuentemente afectando á salubridade e o estado sanitario das augas.

Apenas pasados dez días e a data de hoxe, 29 de agosto, producese un agravamento e empeoramento da situación no encoro das Conchas, xa que ademais da zona de Portoquintela no concello de Bande, desta vez tamén se ve afectada a zona de O Corgo-A Rola, no Concello de Muiños, alcanzandose nestas dusa zonas de control  o nivel máximo de risco de proliferación de cianobacterias caracterizándose como Nivel 3, no que o reconto de cianobacterias supera as 100.000 cél/mL ou ben cuantifícanse toxinas nas análises realizadas ou detéctanse espumas e natas de cianobacterias en áreas onde pode existir contacto directo cos bañistas e/ou existe risco de inxestión/aspiración.

Estes resultados volven indicar unha alta probabilidade de efectos adversos para a saúde. A presenza de natas e espumas xeradas por cianobacterias é un indicador de potencial risco de efectos severos para a saúde para as persoas que tomen contacto con estas, polo que estaría prohibido bañarse nin realizar actividades acuáticas na zona de Portoquintela no Concello de Bande e na zona de O Corgo-A Rola no concello de Muiños.

Dende Amigos da Terra, xa manifestamos que estes episodios recorrentes de contaminación por cianobacterias, non se solucionan se non se atalla a problemática da xestión dos residuos gandeiros que producen as explotacións da comarca da Limia e Baixa Limia, así coma se indica nun informe recente realizado polo Ministerio de Transición Ecolóxica que tamén alerta do risco de contaminación por nitratos que existe nas aguas dos ríos en varios puntos da comarca de Xinzo de Limia.