Hoxe 27 de setembro culmina a semana de acción polo clima con mobilizacións e manifestacións multitudinarias en máis dun centenar de municipios da xeografía española. Ao longo do día centenares de miles de persoas sumáronse á Folga Mundial polo Clima nun berro compartido para esixir accións efectivas ante a emerxencia climática. Á súa vez, convocouse unha folga xeral laboral en Aragón, Canarias, Euskadi e Navarra, así como a folga estudantil en todo o Estado e do ámbito educativo en Andalucía. Un chamamento que se ampliou a unha folga de consumo, concentracións e asembleas de traballadores e traballadoras e peches de organizacións e empresas.

 

Multitudinarias manifestacións pola emerxencia climática

Despois de miles de convocatorias en todo o mundo e millóns de persoas reclamando medidas reais para avanzar cara a un modelo de cero emisións, está claro o compromiso da cidadanía ante a crise climática. A sociedade está a escoitar á ciencia e é consciente da gravidade da situación. Nestas circunstancias a clase política debe tomar exemplo, redobrar esforzos e establecer límites e obxectivos vinculantes para enfrontar a crise climática.

 

Un cume cheo de palabras e baleira de compromisos

Tras o cume pola acción climática celebrada a principios de semana en Nova York, as declaracións de moitos responsables políticos sinalaban a necesidade de pasar dos discursos á acción. Con todo, a realidade é que a comunidade internacional non presentou ningunha medida concreta neste sentido, de forma que segue sen pecharse a brecha existente entre os compromisos de reducións de emisións e as indicacións científicas para cumprir o Acordo de París. Unha brecha que condena ao planeta a un quecemento global superior a 3,5 ºC con catastróficas consecuencias, especialmente nas rexións mediterráneas.

 

No noso país tampouco se fai o suficiente

No caso do Estado español o compromiso climático segue sen ser suficiente. Asumir o estado de emerxencia implica redirixir todas as ferramentas do estado para alcanzar reducións de gases de efecto invernadoiro en consonancia cos escenarios expostos pola comunidade científica. Apenas quedan 11 anos para actuar, os compromisos presentados en 2020 non serán revisados até 2025, cando pode ser xa demasiado tarde.

 

As organizacións convocantes mostran a súa firme vontade para que esta mobilización histórica sexa un proceso de reflexión para toda a cidadanía ante a temeraria inacción de gobernos e empresas. Nos próximos meses redobraranse esforzos que permitan articular unha resposta común a todos os niveis para afrontar a protección do planeta, do presente e do futuro.

 

Entre estas accións comeza a recollida de firmas para promover unha Iniciativa Cidadá Europea (ECI polas súas siglas en inglés) «Accións de emerxencia climática» co obxectivo de impulsar que tanto a Unión Europea como todos os seus países membros fixen obxectivos máis ambiciosos respecto da crise climática. Esta iniciativa foi impulsada por Fridays  For Future Europa en colaboración con Lawyers  For Future co obxectivo de chegar a ser debatida nas institucións europeas. Pode consultarse máis información e asinarse en: eci.fridaysforfuture.org