“Por un monte galego con futuro” anunciou, esta semana, a convocatoria dunha manifestación nacional para o día 20 de outubro, con saída ás 12:00 horas da Alameda compostelá. A plataforma fai o chamamento á mobilización coincidindo coa convocatoria, a nivel mundial, de todo tipo de accións contra o cambio climático.

Un cambio climático contra o que a plataforma considerou que hai que loitar, o que “en Galiza pasa por defender, entre outras cuestións, outra xestión do monte acorde coa actual emerxencia climática, o quencemento global e a perda de biodiversidade”.
Neste sentido as organizacións que a conforman salientaron que no noso país a situación é especialmente grave porque o 94% do noso territorio é superficie rural e “hoxe está baixo un risco potencial, visto cal é o deseño que para o monte galego ten o PP ou o goberno español do PSOE a través do Ministerio de Transición Enerxética”. Unha visión de “gran eucaliptal” que é precisamente o contrario a favorecer a “biodiversidade nun medio rural vivo”.

Ante isto, a plataforma –que lanzou esta campaña xa no mes de xullo- considera que no actual contexto de mudanza climática o papel dos ecosistemas forestais vai resultar chave para mitigar os efectos do quecemento global, como reservas de carbono mais tamén de ecosistemas que garantan o mantemento desa biodversidade, a regulación do ciclo da auga, a fertilidade do solo, a capacidade de purificación da auga e do ar ou a loita contra a erosión entre outros.

Por iso cuestiona tanto o borrador da Estratexia Galega contra o Cambio Climático como o Plan Forestal que tramita a Xunta de Galiza. Nun caso porque prioriza fixar máis carbono en máis madeira o máis rápido posíbel, o que potenciará o cultivo do eucalipto e doutras especies de crecemento rápido e noutro porque promove a ocupación de 35.000 ha máis de eucalipto sobre un exceso, que xa hai, de 300.000 ha con respecto á planificación anterior.

Neste sentido, na rolda de prensa manifestaron o seu rexeitamento a este modelo de “capitalismo voraz” que intensifica, en Galiza, un “espolio de corte colonial” dos noso recursos e materias primas como o que promove, ademais, a chamada Lei de Depredación “sen importarlle o dano social e medioambiental que produce”. Por iso defenderon un outro modelo que favoreza que nese 94% do noso territorio se poida crear “riqueza social, emprego e industria” baixo parámetros de sustentabilidade e respecto ao medio ambiente.

Anulación da proposta de revisión do Plan Forestal de Galiza

De aí que con esta mobilización a plataforma demande das administracións galega e estatal que aposten por unha planificación para o monte galego que teña en conta o actual contexto de perda acelerada de biodiversidade porque afonda nos efectos do cambio climático, incrementando ao mesmo tempo o número, extensión e virulencia dos incendios forestais.

Ademais, segundo explicaron, reclámase tamén a anulación da actual proposta de revisión do Plan Forestal de Galiza e a elaboración dun novo documento que parta de información actualizada sobre a situación do monte galego, contando cunha participación equilibrada de todos os axentes sociais e que siga, como principios reitores, a diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de uso, o fomento do arborado autóctono e unha moratoria do eucalipto, o mantemento dos servizos ecosistémicos, a non privatización dos montes veciñais, e a creación de emprego e a sustentabilidade económica e social.

En todo caso consideraron a xornada mundial de mobilización prevista para o día 27 de setembro como antesala da convocada pola plataforma “para denunciar os retos que temos na sociedade galega para facer fronte ao cambio climático” e, ao tempo, para “censurar a fraude de moitos que se apuntan ao cambio climático cando son causantes, precisamente, destas políticas económicas, sociais e forestais que en Galiza o están alimentando de cara ao futuro”.