O sistema alimentario atópase no epicentro da degradación do solo e da crise climática.

Cun 70% do solo en proceso de desertificación, a agroecoloxía convértese nunha gran aliada fronte aos retos ambientais e climáticos.

Amigos da Terra comezou a finais de agosto o seu proxecto de cultivo biointensivo para promover técnicas agroecolóxicas que contribúen á loita fronte á crise climática en diferentes territorios. O proxecto, que conta co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través da Fundación Biodiversidade, desenvólvese en Galicia, Aragón, as Illas Baleares e a Comunidade de Madrid.

No caso de Galicia, o próximo domingo 6 de outubro, en Meaño, Pontevedra, terá lugar o segundo día de formación para xente xa iniciada no método biointensivo. Para as persoas que aínda non o coñezan, o primeiro dos cursos básicos deste proxecto, celébrase no concello de Ourense, a fin de semana do 11, 12 e 13 de outubro. A formación contará cunha parte teórica e cunha parte práctica na que as participantes empezarán a planificar a súa propia horta baseándose no método biointensivo.

A organización ecoloxista leva anos traballando a favor da soberanía alimentaria, e para este fin mostrou o seu apoio e levou a cabo cursos e obradoiros baseados na agroecoloxía. Nesta ocasión e para dar continuidade ao seu traballo está a organizar formacións prácticas en diferentes rexións sobre o uso de técnicas agroecolóxicas que contribúen a loita fronte ao cambio climático. A recuperación da fertilidade do solo, ou a redución do uso da auga, que pode chegar ata un 77%, son algunha das sinais de identidade dos cursos que se imparten.

Os usos agrícolas intensivos e a crise climática socavan a produtividade da terra, limitan os tipos de cultivo e minguan a capacidade do chan para absorber carbono. De feito, o 70% dos solos da xeografía española están en proceso de desertificación e sofren dunha gran falta de carbono orgánico.

Ante esta situación de emerxencia cimática cada vez máis perentoria, a agroecoloxía, na que se enmarca o método, é un aliado ante a crise climática. Os estudos corroboran que o cultivo biointensivo aumenta a fertilidade do solo nun 100% e, á súa vez, ao non necesitar practicamente ningún insumo externo, reduce a enerxía empregada un 96%, á vez que aumenta a produción de alimentos un 250%.

Amigos da Terra pon en marcha este método con produtoras e produtores en catro rexións de España (Madrid, Galicia, Aragón e Baleares), acompañándolles en aspectos técnicos que combinan a produción de alimentos coa rexeneración do solo, grazas á variedade, rotación e asociación de cultivos utilizando sementes autóctonas, e grazas ao uso de compost producido na propia horta.

Segundo o último informe do IPCC (Panel Intergobernamental de Expertos sobre Cambio Climático) o sistema alimentario atópase no epicentro da degradación do chan e da crise climática. É por tanto unha prioridade incidir no modelo alimentario actual, tanto na produción como no consumo. Nesta liña fomentar as iniciativas baseadas nunha produción e distribución a pequena escala e de circuítos curtos, así como cultivos baseados en criterios agroecolóxicos, que unan tanto o respecto polo medio ambiente como polos dereitos humanos, son decisivas para afrontar a emerxencia climática.

A asociación ecoloxista convida á cidadanía a sumarse aos talleres e a informarse sobre as alternativas ao seu alcance para avanzar cara á soberanía alimentaria. Á súa vez anima á poboación a mobilizarse e reclamar unhas políticas que prioricen a saúde das persoas e o planeta.

Segue este enlace para inscribirte na formación básica de Ourense: http://amigosdaterra.net/info/160415_adt/axenda/curso-basico-metodo-biointensivo-de-cultivo-de-alimentos/

Este proxecto conta co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través da Fundación Biodiversidade.