A cidadanía europea celebra no mes de outubro os días de acción por unha boa alimentación

Este mes de outubro a cidadanía, colectivos agrarios, gandeiros, ecoloxistas e de consumo celebran os días de acción por unha boa alimentación en toda Europa.

• Amigos da Terra únese a esta celebración e reivindica un cambio de raíz no sistema alimentario baseado en políticas que promovan unha alimentación sa para as persoas e o planeta.

No día Mundial da Alimentación, 16 de outubro, colectivos agrarios, gandeiros, ecoloxistas e cidadanía en xeral anuncian accións e a celebración dos días de Acción por unha Boa Alimentación ao longo de outubro. Durante o fin de semana do 26 e 27 deste mes os grupos locais de Amigos da Terra están a organizar eventos formativos e reivindicativos para esixir un modelo agroalimentario acorde aos límites do planeta.

Amigos da Terra e os seus grupos locais participan os días 26 e 27 de outubro nos “Días de Acción por unha Boa Alimentación” que terán lugar en 20 países ao longo de toda Europa. Eivissa, Logroño, Madrid, Mallorca, Ourense e Zaragoza acollerán visitas a granxas de gandaría extensiva, con degustacións de produtos ecolóxicos locais e realizarán talleres de ciencia cidadá sobre consumo responsable, co fin de sensibilizar e empoderar sobre a importancia dun modelo alimentario sustentable e saudable, onde a redución do consumo de carne estará moi presente.

A alimentación Mundial é causante do 25 ao 30% do total das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro, segundo o informe do IPCC, o Panel Intergobernamental de Expertos en Cambio Climático. Esta contribución á crise climática vén dada por un modelo de agricultura e gandaría industrial caótico e sen unha planificación que contemple os límites planetarios. O uso da terra, o almacenamento, transporte, envasado, procesamento, venda polo miúdo e consumo tamén se inclúen no reconto á hora de contabilizar os impactos na emerxencia climática. Esta estimación inclúe as emisións do 10-12% das actividades agrícolas e gandeiras, do 8 ao 10% do uso e o cambio de uso da terra, incluíndo a deforestación e a degradación das brañas, e contempla tamén as emisións do 5 ao 10% que proveñen das actividades da cadea de subministración.

As organizacións ven as negociacións da Política Agraria Común (PAC) como unha oportunidade para avanzar cara a un modelo que poña freo á crise climática. Por este motivo a organización ecoloxista reivindica medidas para fomentar a agricultura local, agroecolóxica e o comercio de proximidade, así como favorecer a gandaría extensiva e implantar mecanismos que garantan a redución do consumo de carne e en xeral o uso desproporcionado de recursos como auga, terra e combustibles fósiles.

Amigos da Terra considera que a agricultura e o sistema alimentario son fundamentais para as respostas mundiais á emerxencia climática. O consumo de dietas sas e sustentables presenta importantes oportunidades para reducir as emisións dos sistemas alimentarios e diminuír os impactos sanitarios que xera. Isto inclúe a redución do consumo de carne e optar por carne de maior calidade procedente de gandaría extensiva.

O 22 de outubro representantes do movemento por Unha Boa Alimentación concentraranse fronte ao Parlamento Europeo en Estrasburgo para esixir unha política alimentaria e agrícola da UE que responda aos colosais desafíos do cambio climático e da degradación ecolóxica do modelo alimentario actual.