Dando continuidade á iniciativa de promover a compostaxe doméstica entre a veciñanza, iniciada en 2011, o Concello de Guitiriz lanza este outono un novo programa de compostaxe en fogares.

No contexto actual de loita contra o cambio climático, a compostaxe da materia orgánica en orixe é unha acción real e de grande alcance para disminuir as nosas emisións nun curto espacio de tempo. Con esta práctica reducimos o lixo que vai ao contedor verde ao tempo que facilitamos a súa conversión en compost, un fertilizante natural para a horta, corrector da estrutura do chan, protector contra a erosión e substrato de cultivo.

O Concello de Guitiriz xunto con Amigos da Terra acordaron como obxectivos para este proxecto: ampliar o proxecto a novos domicilios, implantar 2 composteiros comunitarios e dar apoio ás 80 familias que xa están compostando nas diferentes parroquias.

Analía Moares, técnica de Amigos da Terra responsable do proxecto afirma: “cremos que a compostaxe realizada a nivel domiciliario é unha alternativa moi interesante en municipios que contan cunha parte importante da súa poboación vivindo nun medio rural, como é o caso da gran parte da poboación de Guitiriz; xa que, á marxe dos baixos custos de instalación e mantemento, e do aforro de enerxía, permite que sexa a propia cidadanía quen peche o ciclo da reciclaxe dos residuos, resultando á vez un instrumento de gran valor para a concienciación e a educación ambiental.

Cando as familias compostan nos seus fogares os restos orgánicos derivados da alimentación, céspede, podas… están deixando de aportar entre o 40-50% do peso dos residuos sólidos urbanos, evitando o seu transporte a plantas de xestión, cos consumo enerxético asociados ao seu tratamento.

Con este tipo de iniciativas Amigos da Terra xunto co Concello de Guitiriz están demostrando a viabilidade dunha alternativa ao actual modelo de xestión residuos baseado na incineración; modelo, segundo a Asociación, insustentable a nivel ecolóxico, inviable a nivel económico e un sumidorio de recursos e enerxía sen fin.

 

Súmate á compostaxe e participa no proxecto!!

Contacta co Concello de Guitiriz no 982 370109 ou na Casa do Concello na R/ Concello, 4.

Prazo de inscrición ate o 31 de outubro.

O número de composteiros é limitado!