Amigos da Terra e Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega, dentro da súa vontade de camiñar cara un novo modelo enerxético sostible baseado no uso de enerxía renovable, respectuoso co medio ambiente e que contribúa a afianzar a democracia e a soberanía enerxética da cidadanía, asinan un convenio de colaboración este venres ás 17:00 horas no local de Amigos da Terra en Ourense.

Cales son obxectivos fundamentais deste convenio?

Ademais de continuar profundizando na nosa relación de axuda mutua e apostar por un modelo de xustiza enerxética e climática, destacaríamos:

1.- Impulsar e animar á masa social de Amigos da Terra a apostar por un modelo de consumo enerxético máis sostible e coherente como é o que representa o cooperativismo de Nosa Enerxía S. Coop. Galega.

2.- Apoiar actividades e proxectos de Amigos da Terra desde a área de Acción Social e Verde de Nosa Enerxía S.Coop. Galega.

Este apoio se traduce en que por cada persoa socia de Amigos da Terra que se faga socia consumidora de Nosa Enerxía S.C.G., a cooperativa destinará unha porcentaxe do beneficio da factura anual do consumo da luz para Amigos da Terra.

Amigos da Terra pode destinar esta cantidade a proxectos propios ou a proxectos de Nosa Enerxía con retorno do investimento  como son proxectos de xeración, de mobilidade, etc.

Vantaxes para as socias de Amigos da Terra

As vantaxes de asociarse a Nosa Enerxía para unha persoa socia de Amigos da Terra son moitas e coherentes coa traxectoria e intereses da organización:

  • Ser coopropietaria da súa propia compañía enerxética.
  • Poder consumir enerxía eléctrica de orixe renovable certificada, a un prezo xusto e sustentable.
  • Ter acceso aos bens e servizos que oferte a cooperativa (xeración,mobilidade,…).
  • Colaborar nun proxecto de propiedade colectiva e de xestión democrática da enerxía.
  • Dedicir que proxectos de xeración de enerxía renovable se poñen en marcha.
  • Apoiar un modelo de xestión que defende o desenvolvemento sostible e apoia os principios da economía social.
  • Apoiar dun xeito práctico e con feitos a defensa da natureza, a protección do medio ambiente e a realización de actividades de carácter social e solidario.
  • Fortalecer o tecido autóctono de enerxías renovables, xerando emprego e desenvolvemento.
  • Unha persoa socia pode “apadriñar” a outra persoa para que poida consumir luz coa cooperativa sen necesidade de asociarse.

Preme aquí para consultar todas as condicións do convenio en detalle