CocaCola, Nestlé e PepsiCo son por segundo ano consecutivo as empresas que máis contaminan cos seus plásticos o noso medio ambiente, tal e como se publica no informe de Break Free From Plastic, plataforma da que formamos parte en Amigos da Terra.

Catrocentas oitenta e catro limpezas en máis de 50 países e 6 continentes, nas que participaron os nosos grupos locais, denúnciano. O resto das empresas que completan o top 10 son: Mondelēz International, Unilever, Mars, P&G, Colgate-Palmolive, Phillip Morris e Perfetti Van Melle.

Este informe proporciona máis probas de que as empresas necesitan facer moito máis e de forma urxente para abordar a crise de contaminación plástica que crearon. A súa continua dependencia polos envases de plástico dun só uso tradúcese no vertido de máis plástico de usar e tirar ao medio ambiente. E desde logo a reciclaxe non vai resolver este problema. Por este motivo ao redor de 1.800 organizacións reclamamos ás empresas que reduzan urxentemente a súa produción de plástico dun só uso.

Malia a necesidade de reducir o uso de plásticos, as multinacionais máis sinaladas nas auditorías de marca deste ano – Coca-Cola, Nestlé e PepsiCo – só ofrecen falsas solucións. Os bioplásticos non son unha opción, xa que seguen sendo plásticos de usar e tirar, e desta forma seguimos utilizando cantidades inxentes de recursos para a súa fabricación que logo se transforman en lixo. Necesitamos utilizar envases duradeiros, e poder reutilizalos unha e outra vez.

Desde Amigos da Terra esiximos responsabilidade e o fin dos plásticos dun só uso ás verdadeiras culpables, as grandes empresas que poñen no mercado plásticos desbotables, a través da nosa campaña Operación Plastic Off.

Depender en gran parte dun sistema global de reciclaxe que non funciona forma parte dun modelo obsoleto. Estas estratexias protexen en gran medida o negocio de usar e tirar que ocasionou a crise de contaminación plástica, e en ningún caso servirán para revertela.

E é que os produtos e envases que as marcas están producindo, están convertendo o noso sistema de reciclaxe en lixo. China prohibiu definitivamente a importación de EE.UU. así como doutros países “recicladores” exportadores, e outros países están seguindo o exemplo. O plástico está sendo queimado en plantas incineradoras en todo o mundo, expoñendo ás comunidades a unha contaminación por sustancias tóxicas. Debemos continuar sinalando a estes verdadeiros culpables da nosa crise do plástico e a reciclaxe.